Presidente do Comité Intercentros

Tiago Alvite: "Tras a imputación, o Goberno galego ten que cesar urxentemente a cúpula directiva da CRTVG"

Tiago Alvite, presidente do Comité Intercentros da CRTVG. (Foto: Nós Diario)
Preocupación e alarma entre o cadro de persoal da CRTVG é o que, segundo o presidente do Comité Intercentros, Tiago Alvite, causou a noticia da 'imputación' da Dirección do ente público, á que acusa de provocar un "deterioro" das relacións laborais "sen precedentes", con "abusos" e "manipulación". Entrevistámolo con motivo da investigación de parte da cúpula directiva da CRTVG, entre os que destaca o director, Alfonso Sánchez Izquierdo.

—Nós Diario vén de dar a coñecer a ‘imputación’ da dirección da CRTVG por un caso de acoso no ámbito do traballo. Que valoración fai?
A valoración non pode ser máis negativa: o director xeral, cinco persoas de alta dirección e dúas do cadro de persoal con responsabilidades de mando imputadas, unha vez que dos feitos denunciados se tiran indicios da comisión dun presunto delito de acoso e outro contra os dereitos dos traballadores. É unha noticia que está a xerar unha fonda preocupación e alarma entre o cadro de persoal. O Goberno galego ten que adoptar medidas urxentes que, necesariamente, teñen que pasar polo cesamento da cúpula directiva da CRTVG.

—Non é o primeiro golpe xudicial contra a CRTVG, con sentenzas condenatorias por vulneración dos dereitos fundamentais de traballadores. Cal é o estado das relacións laborais dentro do ente público?
É dun deterioro sen precedentes, até o punto de a asemblea de traballadoras decidir convocar folga contra os abusos e a manipulación con cinco xornadas de paros entre os meses de marzo e maio. Cando falamos de abusos, referímonos a condutas empresariais relacionadas coa marxinación profesional, a vulneración do dereito ao progreso profesional e á ocupación efectiva; o desprestixio profesional e persoal; o trato discriminatorio e degradante; a incoación de expedientes disciplinarios sen base; os traslados forzosos de medio como castigo ou a denegación de dereitos con xustificacións xenéricas ou inconsistentes. Todo isto é consecuencia dunha dirección autoritaria, que concibe a súa potestade organizativa de maneira absoluta e sen límite.

—A Xustiza tamén vén de darlle a razón a unha traballadora ao recoñecer o dereito ao teletraballo como medida de conciliación.
Si, é un exemplo máis do que estamos a dicir sobre a denegación de dereitos sen xustificación. A traballadora, residente en Lugo e co marido cunha grande invalidez declarada, solicitou o teletraballo para poder conciliar a súa vida familiar e laboral que a empresa rexeitou alegando a inexistencia desta modalidade de prestación do servizo na CRTVG, mais se o teletraballo non existe na CRTVG é porque a empresa non quere. Porén, como di a maxistrada, o dereito ao teletraballo por conciliación emana da lei e a falta de regulación non pode impedir o seu exercicio.

Noutro caso, o Tribunal Supremo vén confirmar unha sentenza que condena a Dirección por vulnerar a igualdade e discriminar por razón de xénero unha traballadora á que lle negou a adaptación horaria. Os casos de denegación do dereito á conciliación acumúlanse na CRTVG.

—Alén das relacións laborais, a CIG denunciou a xestión no ente público, até o punto de que o Consello de Contas viu indicios de incumprimento do contrato de prestación do servizo de directos. Por que non se presta o servizo con medios técnicos e humanos propios da CRTVG?
Porque non interesa. A externalización da produción dificulta o control público da xestión, precariza o emprego e as persoas traballadoras non teñen a consideración de empregadas públicas, relaxándose así as obrigas legais relacionadas coa defensa do interese xeral e cos principios informativos de veracidade, pluralismo, obxectividade, neutralidade e independencia. Até o punto de que a Dirección da CRTVG decidiu prescindir da súa propia unidade móbil de directos para manter a contratación externa de dúas unidades por un importe que supera o millón de euros. A xestión racional e eficiente dos recursos públicos para poñelos ao servizo do interese xeral non parece ser a preocupación da dirección.

—E, máis alá da externalización, tamén advirten sobre o enfoque informativo e sobre o feito de que o centro das informacións se poña en Madrid e non na Galiza.
Si, é unha das expresións máis claras de os medio públicos galegos non estaren a desenvolver unha das súas principais misións: a defensa da identidade da Galiza. Galiza aparece sempre subordinada a Madrid, sendo este ámbito xeopolítico o principal centro de atención dos informativos dos medios galegos. É a negación da Galiza como realidade de seu, a maior agresión simbólica que a dirección da CRTVG pode inflixir a este país.

—Veñen de cumprirse cinco anos de "Venres negros". A Dirección da CRTVG reduce o seu impacto, mais cal é o grao de aceptación desta iniciativa entre as traballadoras e os traballadores?
Son xa cinco anos, 264 “Venres Negros” promovidos polo colectivo Defende a Galega, o que dá boa conta da vitalidade e o grao de aceptación desta iniciativa. Defende a Galega apoiou activamente a folga convocada polo Comité Intercentros, e as imaxes están aí, á vista de todas e todos: redaccións baleiras e afectación sobre toda a programación non esencial, malia os abusivos servizos mínimos.