Televisión

Todas as canles de TDT apagarán esta cuarta feira o seu sinal estándar para emitir só en HD: isto é o que precisas saber

A TDT en SD desaparece esta cuarta feira, 14 de febreiro. (Foto: Nós Diario)
A Asociación de Usuarios da Comunicación recomenda resintonizar as canles para asegurarse de que o televisor é compatíbel co sinal HD. Con todo, non será obrigatorio adquirir un dispositivo novo, xa que cun descodificador externo ou periférico pode recibirse o sinal.

Todas as canles da Televisión Dixital Terrestre (TDT), sexa cal for o seu ámbito de cobertura, apagarán esta cuarta feira, 14 de febreiro, o seu sinal en calidade ou definición estándar (SD) e comezarán a emitir unicamente en alta definición (HD). Algúns operadores, como Radio Televisión Española (RTVE), xa procederon a apagar as súas canles en definición estándar. Desde a noite do 5 ao 6 de febreiro pasados, La 1, La 2, Canal 24 Horas, Teledeporte e Clan xa emiten só en alta definición.

Fontes de Mediaset España precisaron en declaracións á axencia Europa Press que Telecinco e Cuatro emiten en SD e HD na actualidade e que, a partir do 14 de febreiro, só o farán en HD. Pola súa parte, as canles FDF, Divinity, Energy e Boing emiten a día de hoxe unicamente en SD e a partir da cuarta feira farano en HD.

Be Mad xa emite en HD e, no caso de TRECE, fontes da cadea apuntaron que xa emite o sinal HD pero chega aos televisores en SD, até o 14 de febreiro, cando se realizará o cambio. A respecto das canles de televisión do grupo Atresmedia, Nova, Neox e Mega emiten en calidade SD, mentres que Antena 3 e laSexta fano en 'simulcast', é dicir, en SD e HD. Todas elas pasarán definitivamente a alta definición este 14 de febreiro.

Como RTVE, as cadeas de televisión autonómicas públicas da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) xa comezaron a transición, cumprindo así co Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre. Cat3 e Televisión Canaria foron as primeiras, empezando o pasado 16 de xaneiro, mentres o resto de cadeas asociadas a FORTA fixérono nos primeiros días de febreiro. En concreto, Telemadrid e a vasca EiTB emiten só en HD desde o 8 de febreiro, e Canal Sur, À Punt, CMM, RTPA e Ib3 desde esta mesma segunda feira, día 12. Máis tarde, o día 14 de febreiro, será a quenda de 7 Tele. E tamén a TVG e a TVG2 deixarán de emitir en SD este 14 de febreiro para pasar a facelo só en HD.

"Coa culminación do paso á TDT en alta definición, terminaremos de modernizar a experiencia televisiva grazas a unha maior calidade de imaxe e son", explicou a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, dependente do Ministerio para a Transición Dixital e da Función Pública.

Que preciso para seguir vendo a televisión?

Máis calidade de imaxe e son envolvente son os principais atributos da calidade HD e que, desde esta cuarta feira, deberán implementar todas as canles de televisión no Estado español. Para poder gozar diso, é imprescindíbel ter cobertura, a antena adaptada e dispor dun equipo compatíbel con HD. "Más do 98% dos aparellos xa o son", sinalou a Secretaría de Estado.

Os televisores máis antigos, en cambio, poderían carecer desta posibilidade, polo que debería considerarse a posibilidade de adquirir un dispositivo novo que sexa compatíbel coa tecnoloxía HD ou ben un decodificador ou sintonizador con capacidade HD. Estes dispositivos conéctanse ao cable de antena e ao televisor e permiten recibir o sinal de TDT en formato de alta definición.

Se o dispositivo é compatíbel e permite ver a TDT en alta definición, haberá que reordenar as canles, para o que a Secretaría de Estado elaborou unha guía. Así mesmo, se se recibe o servizo por TDT vía satélite (TDTSAT), tamén é necesario comprobar que estea preparado para recibir HD. Nos casos en que os usuarios e usuarias reciben o servizo TDT a través de satélite, con decodificador que só permite a recepción en definición estándar (SD), é necesario contactar cunha empresa instaladora de telecomunicacións rexistrada para que lle instale un decodificador en HD e, desta forma, continuar vendo as canles de televisión, como lembrou a Federación Nacional de Empresas de Instalacións Eléctricas, Telecomunicacións e Climatización de España (FENIE).

Alta definición

O concepto de alta definición fai referencia á resolución das pantallas —número total de píxeles que poden ser mostrados—. Deste modo, as pantallas de HD contan, como mínimo, con 1.280 píxeles horizontais por 720 píxeles verticais, e ofrecen imaxes de boa calidade nas pantallas utilizadas habitualmente no fogar, facendo que os píxeles sexan imperceptíbeis de lonxe.

A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais elaborou material informativo sobre o cesamento das emisións e contou coa colaboración da Federación Nacional de Empresas de Instalacións Eléctricas, Telecomunicacións e Climatización de España (FENIE). En declaracións a Europa Press, o presidente da Asociación de Usuarios da Comunicación (AUC), Alejandro Perales, explicou que desde o punto de vista da calidade é un cambio "positivo" e avisou de que algúns televisores "moi antigos" —anteriores a 2008— poden non ser "compatíbeis" coa calidade HD. Con todo, Perales cre que isto "non afectará moitos usuarios" e, en todo caso, será máis acentuado en dispositivos de segundas residencias, "non no televisor principal".

Neste contexto, o presidente da Asociación de Usuarios da Comunicación recomenda resintonizar as canles para asegurarse de que o televisor é compatíbel co sinal HD. En todo caso, lembrou que non será obrigatorio adquirir un dispositivo novo, xa que cun descodificador externo ou periférico pódese recibir o sinal. Coa antena dos edificios ocorre algo "semellante", segundo Perales, que indicou que a "maioría dos edificios están xa preparados".

Fuentes do Ministerio de Transición Dixital, consultadas por Europa Press, lembraron que a execución foi finalmente executada un ano despois do previsto —1 de xaneiro de 2023—, entre outras cuestións, para traballar coas televisións e as comunidades autónomas "na información ao cidadán".

"Traballouse en todo momento coas televisións os termos e o anuncio para que a información e a campaña fosen o máis útiles posíbel e acordouse xunto ás televisións que estas, ao ser as máis interesadas no tema, eran as que ían emitir a campaña a través dos seus medios", precisaron ditas fontes, á vez que destacaron que, de feito, xa están a emitir un anuncio, así como un texto que aparece na parte inferior da pantalla coa información relativa ao tema.

Finalmente, para calquera dúbida ou se se necesita algunha aclaración adicional á información que facilita o espazo web Televisión Dixital, pódese contactar coa Oficina de Atención ao Usuario da Televisión Dixital no 901 20 10 04.