40 páxinas de monográfico

Todo sobre Fraguas nun especial editado por Sermos Galiza

Detalle da caricatura de Antonio Fraguas, asinada por Andrade

Con motivo do Día das Letras Galegas, Sermos Galiza S.A. edita un A FONDO especial, o caderno monográfico que acompaña cada número do semanario en papel, sobre Antonio Fraguas, a figura homenaxeada este ano. Unha ducia de colaboracións de persoas que coñeceron ou que se aproximaron á obra do de Cotobade compoñen as 40 páxinas de monográfico.

“Desde as perspectivas do tempo engrandécense a vida e a obra de quen trazou esperanzas alboreiras para Galiza, logo perseguidas e frustradas por unha guerra, os silencios, a convivencia cos que resistiron e, non había outra, mesmo cos que apoiaron a ditadura. Sobrevivir coa dignidade do deber cumprido, de servir á Terra”. Así comeza un dos artigos que debullan a traxectoria de Antonio Fraguas (Cotobade, 1905- Compostela, 1999), o homenaxeado co Día das Letras Galegas este 2019.

 

Sermos Galiza S.A. explora as distintas facetas da vida de Fraguas nun A FONDO especial de 40 páxinas que recolle a visión multidisciplinar de estudosas e estudosos que coñeceron ou estudaron a obra de Fraguas, quen foi membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos durante a súa mocidade e quen ocupou a dirección e a presidencia do Museo do Pobo Galego.

 

Fraguas dedicou a súa vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos. Traxectoria que foi recoñecida en vida co Pedrón de Ouro, coa Medalla Castelao, co Premio Trasalba, co Premio Otero Pedrayo e co Premio das Artes e das Letras de Galicia, entre moitos outros.

 

Os artigos

 

No especial de Sermos Galiza, que acompañará o semanario en papel que sae á venda esta quinta feira, día 16, recollemos artigos de María Xosé Fernández Cerviño, patroa do Museo do Pobo Galego, quen achega unha aproximación á figura de Fraguas inserido na súa aldea, Insuela. “O atributo da aldea repítese como un refrán ao longo da biografía de Antonio Fraguas. Nunca deixou de selo. As súas raíces mantivéronse incólumes ao longo de noventa e catro anos, sen se veren afectadas polas mudanzas de residencia ou de situación persoal e profesional. Ocórreseme pensar no noso personaxe como un Titán popular, non pola súa estatura física, senón pola talla humana que foi medrando cos anos e, sobre todo, porque necesitaba o contacto permanente coa terra nutricia, da que tiraba a súa forza”, sinala Fernández Cerviño.

 

Tamén se debruza sobre a súa traxectoria o arqueólogo e museólogo Felipe-Senén, quen se refire a Fraguas como “un bo e xeneroso, deses que cantamos no Himno Galego, dos que non dan a esquecemento da inxuria, que fan memoria de Nós, apagando o rancor tamén”. “Don Antonio Fraguas sentíase e sentiámolo co dereito e o deber de transmitir unha vella lección que non prescribe, a aprendida, a recolleita no Seminario de Estudos Galegos, a de afondar as raiceiras na Terra”, sinala no artigo publicado neste A FONDO.

 

O profesor da UDC Uxío-Breogán Diéguez Cequiel é outra das sinaturas que compoñen a publicación especial. Céntrase na etapa de Fraguas no Seminario de Estudos Galegos (SEG), que compartiu con Ricardo Carvalho Calero, Sebastián González GarcíaPaz ou Xoaquín e Xurxo Lourenzo Fernández. “No seo do SEG e até o golpe de Estado, seguiría desenvolvendo pesquisas que o confirmarían como un excelente investigador”, explica Diéguez na súa peza, onde salienta que “até o seu pasamento mantería viva a lembranza (e espírito) do Seminario, legándoa a novas xeracións”.

 

Xoán Carlos Garrido Couceiro, filósofo e historiador, analiza a estadía de Fraguas na Estrada, após deixar Compostela. O homenaxeado comeza na capital de Tabeirós-Terra de Montes o curso como catedrático de Xeografía e Historia en 1933 e desenvolverá alí o labor docente até o curso 1935/1936. O seu labor á fronte do comité para erixir un monumento ao mariscal Pardo de Cela na Estrada e as pintadas a prol do Estatuto son episodios apenas coñecidos dos que dá conta este artigo. Conclúe Garrido que “a mellor herdanza que nos deixou foi o interese polo propio, o aprecio polo noso patrimonio e o cariño co que divulgar os bens do noso Concello”.

 

“Nuns días esfarelouse todo o traballo realizado durante máis dunha década a prol da cultura propia e da súa lingua no Seminario de Estudos Galegos. Nuns días rompeuse o soño acariñado coas mans dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Nuns días perdeu Fraguas a súa cátedra gañada con moito esforzo e converteuse nun dos exiliados en terra”, así explica Malores Villanueva Gesteira, profesora, editora, crítica literaria, doutora en Filoloxía Galega pola USC e autora do libro Antonio Fraguas. Mestre da memoria (Galaxia), a ollada á etapa que veu após o golpe de Estado.

 

O doutor en Xeografía e Historia, especialista arte moderna e contemporánea, Adolfo de Abel Vilela, pon a ollada na época lucense de Fraguas, quen recalou na cidade da muralla con 45 anos. Alí pasou unha parte fundamental da súa vida e desenvolveu unha experiencia docente de vinte anos en centros oficiais e privados. A súa pegada en Lugo non só tivo a ver co ensino –onde o seu método de ensinanza fóra das aulas resultara toda unha novidade–. O seu ronsel ficou tamén no ámbito cultural, explica o autor.

 

Manuel Vilar, antropólogo e escritor, cuxo labor profesional se desenvolve no campo da antropoloxía e do patrimonio, comeza a súa achega sobre o traballo intelectual do de Cotobade dando conta das palabras que Fraguas dedicara ao seu compañeiro e amigo Xaquín Lorenzo “Xocas”: “é unha sombra que agrada, que sabemos que nos axuda, un membro de todo, sempre disposto a servir”. Estas palabras, salienta Vilar, podemos agora dedicarllas ao propio Fraguas, pois “grazas á súa bondadosa sombra medrou o coñecemento e interese sobre a realidade cultural do noso país”.

 

Baixo o título “A (in)utilidade da antropologia galega”, o profesor do Departamento e Economia, Sociologia e Gestão (DESG), da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), Vila Real-Portugal Xerardo Pereiro dá conta da importancia desta disciplina para coñecer a Galiza. “Na história da humanidade muitos saberes considerados inúteis acabaram por ter grande relevância na vida das pessoas. Do ponto de vista académico a antropologia galega é cada vez mais débil nas três universidades públicas galegas e apenas pode ser estudada na Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) nos seus campus da Corunha e Pontevedra principalmente, e sem uma visão de destaque para a Galiza como objeto-problema e terreno de estudo. Paradoxalmente a antropologia galega reinventa-se fora do âmbito universitário através do CSIC-INCIPIT, o Museu do Povo Galego e outras organizações como AGANTRO (Associação Galega de Antropologia), liderada por uma geração jovem, muito dinâmica e com uma visão dominante entre os seus membros de que a antropologia galega tem que ter um papel público e estar ao serviço das necessidades sociais da Galiza”, afirma no artigo.

 

Xosé C. Sierra R., membro do padroado do Museo do Pobo Galego e da Fundación Vicente Risco, analiza a figura de Fraguas como “un exemplo de compromiso moral e de dignidade senlleiros na historia da Galicia recente”. “O mundo do que procedía traza os horizontes da súa vocación intelectual e da realidade social que examina e traduce en termos culturais”, salienta o autor, quen tamén pon de manifesto que a cultura galega debe a Fraguas “o seu compromiso para difundir o carácter diferencial de Galiza, a súa lingua e a súa cultura”.

 

A literatura oral na vida e obra de Fraguas é un dos aspectos que debulla Xosé Manuel González Reboredo, que desenvolve a súa actividade investigadora nos eidos da etnografía e antropoloxía cultural. O autor desta peza, que é discípulo de Fermín Bouza-Brey e que está vencellado ao Museo do Pobo Galego e á sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega, expón que Fraguas “recolleu lendas e cantigas populares, formas de expresión e de entender o mundo” co fin de “construír un discurso sobre a cultura”. “A súa tendencia innata a fixarse en contos, lendas e demais manifestacións da literatura popular xuntouse co feito de medrar entre persoas nas que esas formas literarias xermolaban”, acrecenta.

 

O patrimonio ao servizo da construción nacional é o tema que aborda na súa colaboración Francisco Calo Lourido, doutor e catedrático de Xeografía e Historia; patrón do Museo do Pobo Galego; correspondente da Real Academia Galega e membro da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia. “Antonio Fraguas tivo a fortuna de contar como profesor no instituto de Pontevedra con Lousada Diéguez, quen lle inculcou o interese pola recollida e conservación de todo o patrimonio cultural. Desde o Seminario de Estudos Galegos catalogou e estudou o patrimonio arqueolóxico coa intención primordial de fixar os alicerces da nación galega”, introduce o estudoso, quen salienta que Fraguas “fixo arqueoloxía como fixo historia, xeografía, etnografía e folclore sen máis afán que o sentimento da terra, o amor a Galiza”.

 

Encarna Otero Cepeda, feminista e historiadora, pon o foco nos estudos de Fraguas ao redor dos tecidos e dos traxes galegos como patrimonio cultural. Explica ao respecto que “as vestimentas tradicionais da Galiza tamén foron motivo de estudo por parte de Antonio Fraguas, quen afirmaba que para atopar a raíz e a esencia do noso traxe, debemos comezar polo coñecemento da materia prima para a súa elaboración”. Do seu legado, lembra Otero, fica hoxe o Premio Antonio Fraguas de Investigación sobre o Traxe Galego.

 

Este A FONDO especial pode conseguirse co semanario en papel Sermos Galiza número 346, que estará á venda en quiosques e puntos de venda habituais a partir da quinta feira. Na loxa estará dispoñíbel esta cuarta.

 

Sermos Galiza agradece ao Museo do Pobo Galego a cesión da meirande parte das imaxes que ilustran o monográfico.