"Todo Pirolos nace para demostrar que o falocentrismo é algo moi real e non unha andrómena"

[Imaxe Zack Blas / Flickr]

Conversamos coas impulsoras desta acción ciberfeminista que está a evidenciar, através das redes sociais (Facebook e Twitter), a exclusión das mulleres dos espazos públicos. "Resulta vergoñento que no 2015 aínda non houbese nunca reitora ningunha en Galicia, por poñer un exemplo", denuncian. 

 

Combinamos un encontro virtual, como corresponde a unha entrevista con activistas do ciberfeminismo. Así definen Todo Pirolos, unha iniciativa lanzada na rede que bebe das VNS Matrix, un grupo de artistas e activistas que escribiron o primeiro Manifesto Ciberfeminista a comezos dos anos '90. "Somos mulleres", explican, "mais non necesariamente cis" [correlación entre xénero asignado e identidade de xénero]. 

Como xorde a idea de crear ‘Todo pirolos’?

B. Aparecéusenos diante o tumblr de Allmalepanels, creado por Saara Sarma, unha investigadora de Finlandia, e pareceunos oportuno meternos en algo así... a nivel galego.

A. Dicimos “a nivel galego” porque o primeiro día xa vimos que non se daba feito; nin inda poñéndonos buscar eventos fully machotes a escala local nunha das “grandes cidades” galegas dariamos feito.

B. Non hai máis que mirar a prensa, claro. Pero mellor falar de cousas serias. Explica ti, A.

A. A ver. Este tipo de iniciativas nacen para demostrar mediante o humor e o activismo que o denominado “falocentrismo” é algo moi real e non unha andrómena dunhas tolas, como nos queren facer crer os neomachistas no seu discurso de que as mulleres xa temos todos os dereitos e mesmo dereitos “de máis”, por exemplo coa ladaíña ridícula das “denuncias falsas” por violencia de xénero).

"A linguaxe sexista está na base da violencia contra as mulleres"


B. Quen non se crea ou explique o do falocentrismo, iso de que os homes se consideren representantes de todas e todos, pode tentar explicarse a si mesmo, para empezar, a linguaxe sexista. Esa linguaxe sexista ten unhas consecuencias materiais, como é lóxico, e está na base da violencia contra as mulleres,

A. Contra a que, de feito, non se fai nada.

B. Iso ía dicir. Facemos un xogo? Imos imaxinar que pasaría a tódolos niveis (medios de formación de masas, administración, partidos, etc.) se no 2014 fosen asasinados 54 homes no Estado. Tempo para responder. Cincuenta e catro homes mortos nun ano. Máis de un cada semana. Por se non nos parece un problema político de primeira magnitude vou propor unha comparación; odiosa, si: só entre os anos 1978 e 1980 houbo máis vítimas de ETA nun só ano, en toda a historia da banda, que vítimas de violencia de xénero en cada un dos anos que van do 2005 a 2015. Toda a historia da violencia contra as mulleres no Estado, ano a ano, produciu máis mortos que ETA nos peores tempos, ¿enténdese así? E inda non sei cando estivo a violencia de xénero nos primeiros lugares das preocupacións dos españois esas polas que pregunta sempre o CIS.

"Resulta vergoñento que no 2015 aínda non houbese nunca reitora ningunha en Galicia, por poñer un exemplo"

A. Só así, dende unha perspectiva falocentrista e unha linguaxe sexista que usamos sen repensar, se entenden cuestións como a proposta da lei do aborto do PP (homes que deciden sobre os corpos das mulleres) ou a inacción ante os asasinatos das mulleres. Todo isto parte dun imaxinario no que os homes teñen sempre a palabra e ocupan todos os espazos. Logo non nos podemos sorprender cando os homes non son quen de aceptar posicións que non implican esa centralidade e actúan con violencia. Resulta vergoñento que no 2015 aínda non houbese nunca reitora ningunha en Galicia, por poñer un exemplo; e que todo o que nos rodea estea invadido de imaxes de homes que deciden e imaxes de mulleres que son obxectos.

B. Parece claro que incluso os homes deberían decatarse ou escandalizarse con esta situación, ¿non? Polos menos os mesmos que se escandalizaban polo appartheid, xa non pedimos máis. Mentres non cambiemos ese imaxinario non haberá trazas de cambiar as desigualdades e violencias evidentes...

A. Pero que se negan repetidamente.

B. ...que padecemos as mulleres.

"Se en Galicia houbese un coche fantástico, quen o conduciría sería Gayoso. Gayoso fala co reló e entón ilumínase a Catedral de Santiago"


Por que Gayoso e a Torre de Hércules?

B. Porque é o noso Michael Knight. A ver: se en Galicia houbese un coche fantástico, quen o conduciría sería Gayoso. Gayoso fala co reló e entón ilumínase a Catedral de Santiago, dan as badaladas e cambia de ano. Ademais, sabemos que Gayoso nos desculpará por telo escollido a el, que é moito máis simpático que Michael Knight. A Torre de Hércules... bueno, non sabemos se o horario é o axeitado para explicar o da Torre de Hércules de goma como premio para os machopirolos.

A. Hai que abrirse a novas experiencias, ó coñecemento.

B. Por compensar, e que non se nos ofendan os coruñeses, diremos que de momento o récord de #todopirolos é para a páxina de opinión de Faro de Vigo.

A. E para unha banda de jazz.

"A exclusión das mulleres dáse en todos os espazos que saian dos asignados para nosoutras polo patriarcado"


B. Non, en serio: buscamos unha foto de Gayoso con cara de felicitar e houbo que escoller entre esta e outra na que aparecía coa camisola do Obradoiro. Escollimos esta por causa da urxencia.

Botando unha ollada a algunhas das vosas ‘capturas’, a exclusión das mulleres reflíctese tanto en actos institucionais como privados.  Cumpría xa un espazo para a denuncia pública?
A.
 A exclusión das mulleres dáse en todos os espazos que saian dos asignados para nosoutras polo patriarcado. O problema é que algo tan evidente se fai invisible porque se nos socializa para non ver. Poñer unha Torre de Hércules e un Gayoso fai visible o evidente.

B. Edúcasenos para non ver. Incluso para non ser vistas se non é como obxectos. O sorprendente é que non haxa máis denuncias deste tipo, coa de tempo que ten a xente para encabuxarse e discutir no twitter no facebook e nos bares.

A íntegra, a vindeira quinta feira no número 152 do semanario en papel.