Un total de 13 persoas morreron por incendios en vivendas na Galiza en 2022

(Foto: Qrxina)

Os meses máis tráxicos foron abril, con tres vítimas, e os meses de outubro, novembro e decembro.

Un total de 235 persoas faleceron por incendio e explosión en 2022, 31 mortos máis que no ano anterior (204), o que sitúa 2022 como o ano con máis falecidos por incendios no últimos dez anos.

Na Galiza, os falecidos por esta causa o pasado ano foron 13. Así o reflicte o estudo Vítimas de Incendios e Explosións en España elaborado por Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB), que sinala que a Galiza ten un índice de falecidos en vivendas por millón de habitantes de 4,83. En concreto, os falecidos foron cinco homes e oito mulleres.

Os meses máis tráxicos foron abril, con tres vítimas, e os meses de outubro, novembro e decembro, con dúas vítimas cada un. Ademais, as franxas horarias máis tráxicas foron as comprendidas entre as 16 a 20 (catro falecidos) e as 00 e as 4 horas (tres falecidos). O grupo de idade con máis vítimas na vivenda foi o situado entre os 60 e os 64 anos (catro), e os maiores de 80 (cinco).

No conxunto do Estado, este estudo estima que en 2022 producíronse máis de 133.000 lumes ou explosións. Destes sinistros, 18.429 tiveron lugar en vivendas, aos que hai que sumar os lumes orixinados no exterior: industrias, hospitais, residencias, hoteis ou establecementos comerciais, entre outros.

O dato máis importante deste estudo son os 176 falecidos en vivenda (24 máis que en 2021); sendo os maiores de 64 anos os que acumulan máis da metade das mortes, con 93 vítimas mortais e o 52,8% do total.

Os falecidos divídense en 98 homes e 78 mulleres. A intoxicación por inhalación de fume e gases tóxicos é a principal causa de morte en incendios domésticos en España: 76,1%.

Este apartado lanza un dato para ter en conta, por supoñer outra volta á "normalidade" tras a excepción do ano 2021. A fin de semana volve ser o período que rexistra máis vítimas mortais en vivenda. Iso si, dáse a circunstancia de que, aínda que o domingo é o día que máis falecidos rexistra en 2022 (29), a cifra é similar ao mércores (28).