Un total de 407.000 galegas e galegos emigraron entre os anos 2009 e 2022

154.745 galegos e galegas menores de 29 anos emigraron entre 2009 e 2022. (Foto: Europa Press).

A emigración volveu superar en 2022 as 30.000 persoas. Só desde o ano 2009, marcharon da Galiza máis de 407.000 galegas e galegos.

Un total de 32.697 galegas e galegos emigraron en 2022. Segundo os datos achegados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), 19.283 persoas deixaron Galiza con destino a diversos puntos do Estado español, asentándose 4.708 en Madrid, 2.441 en Catalunya, 2.018 en Andalucía, 1.806 en Canarias e 1.802 en Castela e León. Ao tempo, 13.414 galegos puxeron rumbo a outras partes do mundo, estabelecéndose na súa maioría nos destinos tradicionais da emigración galega en Europa.

A emigración incrementouse en 5.995 persoas en relación co ano 2021. Así, nese exercicio, marcharon da Galiza en dirección a outras partes do Estado español 18.180 persoas, fixando a súa residencia en Madrid 3.487, en Catalunya 2.384 e en Canarias, 1.709. Pola súa parte, 8.522 galegas e galegos abandonaron o país para estabelecerse fóra do Estado español, situándose como principais destinos Suíza e os Estados da Unión Europea.

Un total de 407.224 persoas emigraron entre 2009 e 2022. As cifras recollidas no histórico do INE rexistraron, nese período, 265.753 emigrantes galegas e galegos ao Estado español e 141.471 a outras partes mundo. Unha mostra do alcance do fenómeno é que o continxente humano que marchou da Galiza neste período supera o número de residentes de cada unha das sete cidades; a poboación total da circunscrición de Lugo, con 323.989 habitantes en 2022, ou de Ourense, con 304.280 persoas en 2022.

Repítense os destinos

A emigración das últimas décadas partillou os destinos do éxodo galego da segunda metade do século XX. Así, a 31 de decembro de 2022 residían no Estado español 357.267 galegas e galegos, atopándose a principal colectividade en Madrid, con 83.109 persoas; seguida de Catalunya con 62.449, e situándose a unha significativa distancia Euskadi, con 39.044. As tendencias repítense para a emigración europea, representando a finais de 2022, 107.300 persoas: Suíza contaba con 33.440 cidadáns de orixe galega, colocándose a continuación Francia con 17.013, seguida de Alemaña con 14.842 e Reino Unido con 13.097.

Un total de 154.745 galegas e galegos menores de 29 anos emigraron entre 2009 e 2022. A súa porcentaxe representa 38% do total das persoas que abandonaron Galiza nese período, situándose un 71%, isto é 109.677, entre os 16 e os 29 anos. Neste sentido, diferentes estudos advirten do impacto da emigración na descapitalización humana do país, sinalando os investigadores da Universidade Santiago de Compostela (USC) Jose Blanco e Manuel González, no seu artigo Emigración e fuga de cerebros na Galiza, 2001-2019, que "Galiza é unha das comunidades máis afectadas pola fuga de persoas con alto nivel formativo”.

A emigración está detrás do devalo demográfico da Galiza. Así, o profesor da USC Isidro Dubert explica que “as implicacións da emigración son moito máis graves que as do avellentamento” e asevera que a marcha da mocidade “constitúe unha notábel perda demográfica para un país no que as actuais xeracións de xente nova son moi pequenas”.