Un total de 4.053 mulleres na Galiza están en situación de prostitución

Un club dee xplotación sexual. (Foto: CNP)
É a quinta comunidade con maior número de mulleres nesta situación. 

Un total de 114.576 mulleres no Estado español están en situación de prostitución -4.053 delas na Galiza- e 92.496 poderían estar en risco de trata, segundo avanzou esta terza feira a ministra de Igualdade, Ana Redondo.

Así o explicou a ministra na roda posterior ao Consello de Ministros, con motivo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenas e Nenos, que se realiza este 23 de setembro.

Segundo expuxo Redondo, os datos despréndense dun primeiro avance dun macroestudo sobre trata e explotación sexual no Estado. Neste sentido, engadiu que se analizaron 645.000 anuncios de prostitución ou citas.

Así mesmo, recalcou que hai máis de 114.500 mulleres que se atopan en situación de prostitución e que esta cifra supón 0,56% do número total de mulleres maiores de idade no Estado.

Respecto a as máis de 92.000 que poderían estar en risco de trata, a ministra apuntou que no estudo de avaliaron algúns elementos utilizados como a novidade, a dispoñibilidade, o trazo de personalidade, as fotos que se incorporan aos anuncios ou os servizos que se prestan e que se publicitan.

Neste sentido, agregou que 9.000 estarían en risco alto de ser tratadas con fins de explotación sexual porque nestes casos avalíanse dous, tres ou máis criterios que coinciden.

Por idades, o estudo reflicte que 28% das mulleres que están en situación de prostitución teñen entre 18 e 24 anos; de 25 a 36 anos o 32%; de 37 a 45 anos 7% e de 46 a 55 anos 1,6%. Ademais, o estudo sinala que en 31% dos anuncios non se reflicte a idade.

En canto á procedencia, 51% son latinas, 16% europeas e de 29% non se teñen datos fiábeis. Se se ten en conta a nacionalidade, Colombia está á cabeza con 28%; seguido de España con 13% ou Brasil e Venezuela con 5%.

Este avance do estudo tamén sinala as comunidades autónomas coa maior taxa de mulleres en situación de prostitución por cada 10.000 mulleres maiores de idade. Baleares é a comunidade á cabeza con 121 mulleres por cada 10.000; séguelle Catalunya con 103, Valencia con 73 e Cantabria tamén con 73. A media no Estado é de 56 mulleres en situación de prostitución por cada 10.000 mulleres maiores de idade.

En números absolutos Catalunya, con 34.759 mulleres, encabeza as comunidades con maior número de mulleres en situación de prostitución, seguida de Madrid con 20.549, Valencia con 16.314 e Andalucía con 9.026 mulleres. Na Galiza hai 4.053.