De Touro ao Brollón, a comunidade educativa protesta contra os recortes

Touro e Guitiriz esta semana e O Brollón e Rianxo a pasada. ((Fotos: ANPA A Santaia, BNG, Xosé Gago, ANPA do CEP Xosé María Brea)

O inicio do curso prevese axitado, con numerosos puntos quentes ao longo do país a causa dos recortes de Educación. No CPI Fonte Díaz de Touro (comarca de Arzúa) manifestáronse por segunda vez nesta semana, que segue ás protestas realizadas no Brollón, Guitiriz ou Rianxo.

O Colexio Público Integrado (CPI) Fonte Díaz de Touro (comarca de Arzúa) acolleu esta quinta feira algo máis que clases. Convocada pola Asociación de Nais e Pais (ANPA) A Santaia, o exterior do centro foi o lugar escollido para o desenvolvemento dunha manifestación que comezou ás 12 horas e a través da cal a comunidade educativa mostrou o seu rexeitamento aos recortes que afectan o curso escolar que comezará a próxima semana. A cuestión que levou a que as familias decidiran tomar cartas no asunto é a decisión por parte da Consellería de Educación de eliminar a praza dun profesor compartido de inglés, o que se traduce na redución de tres horas de plurilingüismo en Educación Infantil e de até seis en Primaria.

"O ano pasado había unha mestra que, se ben non tiña xornada completa, asumía a docencia de medio profesor, e este ano non a mandaron", explican a Nós Diario desde a ANPA A Santaia, engadindo que, a maiores, os mestres e mestras "van moi xustos de horas, polo cal apoios que se estaban facendo en cursos anteriores, este ano non se van poder desenvolver, o que pode levar a que alumnado con dificultades á hora da aprendizaxe non vaia contar con ese reforzo que lle permitiría avanzar ao ritmo dos seus compañeiros e compañeiras e obter uns resultados positivos a final de curso".

Ademais, A Santaia revela o problema engadido das gardas: "Vai haber faixas horarias nas que non haxa profesorado dispoñíbel para atender posíbeis ausencias no caso dunha baixa laboral ou dalgunha excursión, e pasará que ninguén cubra esa ausencia, polo que os rapaces e rapazas tan pequenas como de tres anos de idade poderían permanecer sós".

Desde a Inspección Educativa, con quen mantiveron unha reunión de forma paralela ao desenvolvemento da concentración, a única solución que lles transmiten é a de xuntar os grupos. "É posíbel que unha drástica redución de nenos e nenas matriculadas para o presente curso 2024/25 con respecto ao anterior xustifique a medida? Semella que tampouco, pois unicamente hai tres alumnos menos a día de hoxe, pois existe unha tendencia a que se incorpore alumnado procedente doutros países, polo xeral, unha vez avanzado o calendario, polo que podería rematar habendo incluso máis que o pasado", din desde a ANPA. Están recollendo firmas que entregarán a Educación, ademais de presentar unha queixa formal ante a Valedora do Pobo.

As necesidades da Pobra do Brollón, desatendidas

Na Pobra do Brollón (Terra de Lemos) viven un quente inicio de curso debido á inquedanza que xera a eliminación dun posto de mestre, polo que contarán con só tres para 33 estudantes de Primaria, que se dividirán en dúas aulas de 16 (1º e 2º) e 17 alumnos (de 3º a 6º). A presidenta da ANPA, Natalia Sánchez, di a Nós Diario que a problemática é aínda maior do que mostran as cifras, pois "unha das nenas ten unha discapacidade de 33%, polo que segundo as propias normas de Educación debería contar como dúas alumnas, así que xa falaríamos de 18 no seu grupo de idade, e iso sen contar as cinco que requiren necesidades educativas especias". Todo iso supón unha violación do Acordo Educativo de 2009, que no seu artigo '4' reflicte que se poderán xuntar nenos e nenas de distintas idades sempre que sumen 12 como máximo, e alí son 17. "

Rianxo desborda a ratio 

A ANPA do CEP Xosé María Brea Segade de Rianxo (O Barbanza) urxe "solucións inmediatas" para o desdobre en Primaria. A semana pasada xuntáronse  familiares e alumnado de 3º para reclamar un profesor xa que actualmente pasa da ratio permitida e 40% da clase ten algunha necesidade especial.

Guitiriz mobilízase

Veciñanza de Guitiriz (A Terra Chá) saíu esta cuarta feira á rúa, convocada polas familias do CEIP Lagostelle, para protestar polos recortes anunciados pola Xunta. Denuncian  que  no novo curso elimínase unha das aulas de 2º de Primaria. Os país e as nais do CEIP piden a  Educación que rectifique. 

Miño con horario "ilegal"

Desde Miño (As Mariñas), docentes no CPI Castro Baxoi, puxéronse en contacto esta quinta feira con Nós Diario para denunciar a “indefensión” na que se atopan: “A Consellaría decidiu recortar profesorado no noso centro, non respectar as ratios, non ter en consideración o cambio de horario -consultado ás familias e aprobado en claustro e consello escolar- e outras medidas que prexudican a calidade do ensino no noso centro”. Neste verán asignáronlles dúas prazas de profesorado menos, “polo que nos vimos na obriga de suprimir varias optativas, entre elas Filosofía e Cultura Clásica”, denuncian, e teñen “un horario ilegal: aulas de 45, 50 ou 55 minutos, dependendo do día, non temos espazos para todo o alumnado e as aulas están totalmente masificadas".