11 #VenresNegro contra a manipulación

As traballadoras da CRTVG continúan as protestas malia as ameazas de despedimento

venresnegro 11 3 de agosto

Por décimo primeira sexta feira consecutiva, traballadoras e traballadores da CRTVG acoden aos seus postos vestidas de negro. Fano para protestar contra a manipulación informativa e control a prol do PP exercido pola dirección da compañía pública. Desta volta, con ameazas de despedimento contra a presentadora Tati Moyano sobre a mesa.
 

O hashtag #VenresNegro11CRTVG xunta nas redes sociais infinidade de chíos e imaxes de xornalistas, técnicos e outros profesionais do ente público con indumentaria negra. Na xornada desta sexta feira, 3 de agosto, tamén mostras de solidariedade con Moyano. Como a que achegou esta mañá a Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela -integrada na Federación de Asociacións de Periodistas do Estado-, que cualifica de “desproporcionado e vingativo” o expediente aberto pola CRTVG contra a xornalista.

 

A dirección, encabezada por Alfonso Sánchez Izquierdo, escúdase nunha suposta vulneración do código de boas prácticas debido a que Tati Moyano participou, o pasado 22 de xuño, nunha gala benéfica contra o cancro. A traballadora comunicouno en tempo e forma aos seus superiores. Para o comité de empresa, o que se agocha detrás da represalia é unha reposta á defensa da pluralidade informativa que, nese acto, fixo a presentadora. O presidente da Xunta, Núñez Feixóo, estaba diante.

 

De feito, o cadro de persoal da CRTVG engadiu nesta 11ª sexta feira un novo hashtag: #StopRepresalias. Tati Moyano e o seu compañeiro no Telexornal Alfonso Hermida presentaron a súa dimisión como condutores do programa debido aos sucesivos episodios de manipulación informativa.