Traballadoras da ONCE á entidade: “A túa publicidade oculta precariedade e maltrato á discapacidade”

Concentración das traballadoras da ONCE na Galiza fronte a sede da entidade na Coruña (Imaxe: Esquerda Unida).
Nunha concentración convocada por Comisións Obreiras, as traballadoras da ONCE na Galiza protestaron polo abuso da temporalidade nos contratos e vulneracións dos dereitos das delegadas sindicais. Reclaman que a entidade aumente as súas ganancias á vez que reduce o seu persoal.

Arredor dunha vintena de traballadoras da ONCE pecháronse este sábado da súa sede na Coruña, un paso previo á manifestación celebrada polo sindicato Comisións Obreiras durante este mediodía diante do propio edificio e na que reclamaron maior "estabilidade laboral".

Baixo o lema "A túa publicidade oculta precariedade e maltrato á discapacidade", as traballadoras visibilizaron as súas reivindicacións fronte á sede da ONCE. Segundo informa o sindicato, estas protestas teñen lugar após unha reunión mantida a pasada sexta feira coa dirección da entidade na Galiza, nun "último intento de diálogo para arranxar os problemas que afectan ás traballadoras".

Ademais, CCOO denuncia "vulneracións aos seus delegados sindicais".  A unha delegada de Lugo “non lle renovaron o contrato a pesar de que, segundo o convenio, debería pasar a ser persoal fixo” e a outro de Pontevedra "rexeitárono" a un posto "de non mobilidade". Como consecuencia veuse obrigado a repartir nunha ruta de 30 quilómetros para a que precisa de axuda externa.

Coas protestas deste sábado a organización de traballadoras quere aumentar a "estabilidade" laboral das vendedoras do coñecido cupón xa que, segundo censura, a entidade "abusa da temporalidade" e "diminúe" o seu cadro de persoal a pesar do aumento das vendas nos últimos catro anos e de gozar de exencións da cota á seguridade social.  As ganancias da Once ascenderían a uns 395 millóns de euros en todo o Estado.

Xunto as traballadoras estivo Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada do Grupo Común de Esquerda, xunto con Loreto Taibo, integrante da directiva de EU. En declaracións aos medios, Solla asegurou que a non renovación dun contrato á traballadora "é un caso de represión sindical, que se une á precariedade laboral do persoal da ONCE, en moitos casos con contratos en fraude de lei". "A ONCE, en vez dun elemento de inclusión social, está a ser un negocio", asegurou Solla.