"Traballamos máis de 40 horas á semana e non chegamos a fin de mes": Persoal da sanidade privada mobilízase polo convenio

Concentración de persoal da sanidade privada, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
Reclaman condicións laborais dignas

Traballadores e traballadoras da sanidade privada da Coruña realizaron esta quinta feira no HM Rosaleda, en Compostela, un "almorzo reivindicativo" para exixir un convenio digno. Previamente, concentráronse ás portas deste centro hospitalario da capital. 
O persoal sanitario censura a paralización das negociacións do convenio e exixe a retirada das propostas da patronal, "que suporían un retroceso nas súas condicións laborais".

A representante da CIG, Ana Varela, lembrou que estiveron máis dun ano de negociación do convenio sen ningún froito. "A patronal o único que puxo enriba da mesa foi quitarnos o 100% das incapacidades temporais (IT) e a antigüidade e despois de un ano e seis meses de folga decidiu pedir a mediación, que os sindicatos rexeitamos porque a única proposta era quitarnos o 100% das IT e a antigüidade", explicou onte Varela.

Segundo detallou, nestes hospitais privados un 95% das pacientes que se atenden proceden da sanidade pública. Con todo, argumentan que o seu persoal "cobra moitísimo menos que o persoal do Sergas, tendo unha carga de traballo moitísimo maior". "Nós chegamos a facer 1.826 horas", apostilou. Para o colectivo, o "máis grave" é a existencia de traballadoras e traballadores que non están a cobrar nin o Salario Mínimo Interprofesional (SMI). "A maioría de xente non chega a mileurista e quen máis, está a cobrar 1.100 ou 1.150 euros e non pasa de aí", apuntou Varela. 

Concertos co Sergas

Por outra parte, desde a CIG sinalan que o 45% do negocio destes hospitais depende dos concertos co Sergas, que deriva pacientes tanto para cirurxías como para probas diagnósticas. 

A este respecto, aseguran que a patronal xustifica a pretensión de introducir recortes de dereitos e de negar melloras "aducindo que as cantidades que reciben por eses concertos son insuficientes e que están a traballar a perdas". Fronte a isto, Varela defende que "non é responsabilidade das traballadoras que esta empresa, propietaria dos hospitais privados máis grandes do Estado, firme concertos por baixo dos custos".

Conclúen que é "indigno" non chegar a fin de mes "traballando máis de 40 horas semanais" e advirten que non pararán até garantir "esas condicións laborais dignas".