Análise

O traballo das mulleres, a materia pendente

Traballadoras das residencias da terceira idade manifestáronse ese 1 de maio na Coruña. (Foto: Nós Diario).
Ximena González é militante da Marcha Mundial das Mulleres.

Un ano máis os informes relacionados co traballo asalariado das mulleres galegas colócanos ante unha realidade incómoda pero incontestábel, pese a reformas, tentativas lexislativas varias, un maior nivel de formación e suposta vontade política de abordar a cuestión, as mulleres continúan precarizadas, presas da temporalidade, e son as primeiras e as máis prexudicadas do mundo laboral cando veñen mal dadas.

A esta situación estrutural súmanse as últimas mudanzas lexislativas que introducen figuras laborais que impiden ou dificultan enormemente, como denuncian os sindicatos de clase, analizar cuestións como a temporalidade ou a duración da xornada laboral impedindo coñecer en profundidade a situación real á que se están enfrontando as traballadoras galegas.

Porén, existen datos para avaliar a situación das mulleres traballadoras galegas neste último ano que amosan que de non existir transformacións profundas no mercado de traballo a desigualdade e a precariedade continuarán a ser os signos distintivos do emprego feminino na Galiza.

Nun percorrido polos máis significativos atopamos que no ano 2023 foron máis as altas na seguridade social de mulleres que de homes, un 5,6% fronte a 3,7% dos homes, o que pode levar aos defensores da actual lexislación laboral a unha lectura optimista sobre o aumento do emprego feminino. A problemática atópase na letra miúda, onde vemos que a desigualdade está aumentando.

Desigualdade

A temporalidade das mulleres é estrutural. No ano 2023 a taxa de temporalidade das mulleres é case o dobre que a dos homes (29,9% fronte a 18,2%). Se ollamos aos datos do emprego indefinido a tempo completo temos que só 45,3% das mulleres que se deu de alta en 2023 no réxime xeral tiña un contrato indefinido fronte a 70,6% dos homes, o que supón unha diferenza de 25,3 puntos, catro puntos máis que en 2021. Se observamos os datos xerais, dos contratos indefinidos totais (con independencia do tipo de xornada) o incremento da desigualdade é de case dous puntos con respecto a 2021. Isto significa que malia as reformas e as políticas que din pórse en marcha en favor do emprego das mulleres a situación empeora cada ano.

A taxa de temporalidade das mulleres é case o dobre que a dos homes (29,9% fronte a 18,2%)

Se falamos de a que tipo de emprego acceden as mulleres temos dous exemplo significativos. Os traballos con maior temporalidade e peores salarios continúan a ser os chamados feminizados, que son, ademais, os relacionados co ámbito dos coidados. Como dato, 97,6% do emprego no fogar é realizado por mulleres. O outro dato é que en 2023 60% dos contratos fixos-descontinuos asinados corresponde ás mulleres.

Deste xeito, após a última reforma laboral do goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos, o poder adquisitivo das traballadoras galegas continúa baixando nun contexto de crise económica e incremento de prezos nas subministracións, alimentación, vivenda e servizos máis básicos. Un dos maiores motivos, como vimos, é a contratación en xornadas non completas. Os datos indican que na Galiza 75,7% das persoas asalariadas en xornada parcial son mulleres, e non é unha escolla voluntaria das mulleres, responde ás necesidades de conciliación para o coidado tanto das crianzas como das persoas dependentes.

Peores salarios

A fenda salarial entre mulleres e homes, que se ven reducindo dende que existen datos estatísticos por múltiples factores, entre eles a paulatina e tímida mellora do emprego ao que acceden as mulleres (lonxe dos homes aínda e precario na súa maioría), neste 2023, por primeira vez, estáncase e mesmo sofre unha subida, situándose en 18,7%, unha décima máis que o ano anterior.
Todo isto nun contexto de suba do SMI, que beneficia en maior medida as mulleres, pois son estas as que desempeñan os empregos con salarios máis baixos onde o impacto da suba é directa. Un 85,5% das mulleres ocupadas está no sector servizos, único sector no que hai máis mulleres que homes e o sector máis precarizado xunto cos coidados.

Isto confirma que o aumento de contratación indefinida das mulleres non reduce a súa precariedade pois medra en maior medida a contratación a xornadas parciais ou no formato fixo-descontinuo. Por contra, o emprego ao que acceden os homes continúa a ser máis estábel, incrementándose a contratación indefinida a tempo completo.

Máis un ano, cos datos que aporta o sindicalismo galego de clase vemos a mesma foto fixa: precariedade, temporalidade, fenda salarial e empobrecemento das traballadoras galegas. O que faltan son as políticas laborais capaces de transformar a desigualdade estrutural que as mulleres vivimos no mundo do traballo e a vontade dos diferentes gobernos de tomar a serio a situación.

Os datos para esta análise e moitos máis relacionados coas mulleres traballadoras galegas poden atoparse no informe Situación laboral das mulleres en Galiza 2023 elaborado pola CIG.