Traballo Social critica a decisión da Xunta de non contratar profesionais para coordinar o Benestar nas escolas

Aula dunha escola compostelá nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Segundo recolle o DOG publicado esta quinta feira, serán docentes actuais quen asuman estas funcións, en lugar de profesionais especializados.

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (Cotsg) amosou esta quinta feira, 31 de agosto, o seu desacordo coa decisión da Xunta da Galiza de non contratar a novos profesionais para exercer a figura de coordinación de Benestar nos centros educativos.

“O profesorado debe renunciar a parte das horas de docencia para realizar funcións propias do eido social”, sinala o Cotsg, “a Xunta négase a investir recursos na educación, repercutindo negativamente nas familias galegas”.

Esta quinta feira, o Diario Oficial da Galiza (DOG) recolleu a Orde que regula esta figura, que será designada entre o profesorado actual. Desde o Cotsg lembran que xa presentaran unha serie de achegas ao anteproxecto desta Orde, que se suman a numerosos escritos e reunións nos últimos anos, "para instar a Xunta a que se incorporasen profesionais do eido social, como o Traballo Social, para asumir estas funcións”.

“Esta figura créase ao abeiro da Lei de Protección á Infancia e Adolescencia fronte a violencia, que permitía crear novo persoal para asumir as funcións. A Xunta opta pola opción da precariedade: non contratará novos profesionais e outorga aos e ás docentes estas funcións, para as que non teñen formación”, sinalan dende o Cotsg.

Miriam Rodríguez, presidenta do colexio, insiste en que a figura de coordinación de benestar “é unha oportunidade para solucionar conflitos nas escolas, como a discriminación ou o maltrato, ademais de promover plans de prevención entre o alumnado, ou formar o profesorado”.

O Colexio presentará unha nova proposta

O Cotsg traballa xa nunha nova proposta para que os centros educativos conten con profesionais do Traballo Social, “asegurando a protección da infancia e a resolución de conflitos”. “É fundamental contar con persoal formado para detectar e intervir en situacións de risco social ou violencia, e dotar os centros de mellor convivencia e calidade. Unhas funcións que deben asumir novos profesionais especializados e nunca o profesorado dentro do seu horario laboral”, engade a presidenta.

Esta figura de coordinación de benestar exercida por profesionais do social, afirman desde o Cotsg, xa está a funcionar en comunidades do Estado español e noutros estados da Unión Europea “con grande éxito”.