O bacallau con coliflor na cea de Noiteboa resiste como símbolo do pasado

As tradicións perdidas do Nadal galego

O tizón de Nadal foi unha das das tradicións máis importantes da Noiteboa.(Foto:Nós Diario)

As celebracións do ciclo do Nadal comprenden varios días. A Noiteboa, Nadal,  Santos Inocentes, San Silvestre, Aninovo é o día de Reis. Segundo sinala a Nós Diario, o antropólogo Rafael Quintía son “as clásicas festas do cambio de ciclo presentes na cultura galega e internacional. Neste tipo de celebracións repítense determinados ritos presentes noutros períodos como defuntos ou San Xoán”.

“As ánimas están presentes na nosa cultura tradicional desde defuntos e continúan en Nadal”, afirma Quintía, quen lembra como “aínda non fai moitos anos en Noiteboa deixábase comida na mesa ou non se cambiaba o mantel por ser algúns dos seres do alén se aparecían”. Nese sentido, explícase que nalgunhas área da Galiza “sexa o día da chegada do Apalpador ou do Pandigueiro”.

A Noiteboa aparece asociado aos ritos da fertilidade. “Por iso”, explica Quintía que “nesa data se mallaba a unha arbore que non daba froitas ou mesmo se esparexía cinza polas terras de cultivo para garantir unha mellor produción”. “Moitas veces a cinza que se botaba nas terras procedía da madeira que se queimaba eses día”, conclúe Quintía.

O tizón de Nadal

Unha das tradicións máis importantes desa data é o tizón de Nadal. Segundo Vicente Risco, “é un cañoto grande dun árbore, que nas montañas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios da de Pontevedra, e noutras terras, botan ao lume na noite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a metade, e o que queda gárdano para cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, para arredar o pedrazo e os raios”.

Risco refírese ao emprego da cinza do tizón de Nadal como fertilizante. “Nalgúns lados”, sinala Otero “semella que aproveitan a borralla para botaren nos eidos, o cal que é un verdadeiro rito fertilizante de maxia agraria. Mais tamén ten relación coa presencia das ánimas da familia na noite de Nadal, arredor do lume” .

A crenza de orixe precristiá está moi presente en diversas culturas europeas. Así, por exemplo, existen ritos análogos en Alemaña, onde celebran “o cepo de Nadal”, en Italia, “Festa do Cepo”, nas Illas Británicas ou en Francia, onde goza de grande predicamento un biscoito ligado a da denominado “tizón de Nadal”

Os ritos do caos

Quintía significa a ligazón dos ritos da Noiteboa co caos. A este respecto, recorda como Vicente Risco recolleu que “na misa do galo, os homes adoitaban a botar cinza na pía da auga bendita, tirar bombas fétidas na igrexa ou mesmo coserlle as saias ás mulleres mentres escoitaban a misa”.

O bacallau con coliflor ou con repolo na cea de Noiteboa é a tradición desa data que mellor ten chegado até hoxe. A súa orixe está en que a véspera de Nadal foi durante moito tempo vixilia no calendario eclesiástico e iso facía que as carnes quedaran fora da mesa dese especial día.

A vixilia desapareceu mais o costume ficou e son aínda moitas as casas nas que nesta noite se sinte o arrecendo forte da verdura mesturada co bacallau ao que logo se acompaña de aceite de oliva cru.