O tráfico nas estradas galegas descende 67% respecto a hai unha semana

Vista da autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela (Hombre de hojalata) [Arquivo]

O tráfico nas esntradas galegas caeu en 67% esta segunda feira a respecto da segunda feira da semana pasada, 9 de marzo, cando aínda non se aplicou o estado de alarma, segundo datos facilitados a Europa Press pola delegación do Goberno en Galiza.

O domingo a diminución foi de 55% con respecto ao domingo anterior, 8 de marzo, concretaron as mesmas fontes sobre o estado das estradas galegas, destacando a situación "normal".

Pola súa banda, desde a Federación Galega de Transportes de Mercadorías (Fegatramer), o seu presidente, Ramón Alonso, explicou que, á marxe dos problemas relacionados coa neve, "con algunhas estradas paralizadas en Madrid e arredores", non se rexistraron "incidentes" do sector. "Temos máis ben facilidades", dixo sobre a menor presenza de vehículos nas estradas, tanto para particulares como por exemplo o transporte escolar, o que facilita que os vehículos que integran o sector realicen desprazamentos antes. Cada día circulan por Galiza por volta de 20.000 camións.

"Un grave problema foi que non permitían aos condutores entrar nas áreas de servizo, pecharon restaurantes e baños para nós e iso para os condutores que veñen doutras partes do Estado e Europa é complicado", apuntou. Porén, dixo que, tras a solicitude do sector ao goberno, abriranse os baños e daráselles a posibilidade de coller alimentos ("non comer no restaurante", apuntou).

Respecto ao funcionamento deste sector para afrontar a crise, sinalou que se lles recomenda levar luvas, máscara "e non saír do camión". "Non só para o condutor, senón tamén para a persoa que o recibe", apuntou. "E que non usen maquinaria doutras empresas porque moita xente a toca", engadiu sobre outra recomendación.