Transportes licita por 1,1 millóns o estudo da Saída Sur ferroviaria de Vigo

Un tren AVE percorrendo a Galiza. (Europa Press)
O proxecto conta cun orzamento de máis dun millóns de euros

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) publicou hoxe na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación do contrato de servizos para a redacción do estudo informativo da Saída Sur ferroviaria de Vigo, que conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros

Este documento -que terá un prazo de execución de 18 meses-, ten o obxectivo de desenvolver alternativas para habilitar a estación de Vigo-Urzáiz como pasante, permitindo a reordenación dos tráficos ferroviarios na contorna da cidade e a continuidade do eixo atlántico de alta velocidade cara a Portugal.

Xa no mes de setembro, o presidente do ente Infraestruturas de Portugal, Miguel Cruz, reclamaba ao Goberno español axilizar as obras da Saída Sur de Vigo, como así o recolleu Nós Diario. Porén, nos últimos Orzamentos Xerais do Estado español, o Executivo de Sánchez negouse a recoller unha partida para esta actuación.

Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou o pasado mes, que "o Goberno estatal continúa ancorado nunha visión e planificación radial, na que Madrid é o centro". 

Nesta liña, o primeiro ministro luso, António Costa, indicara que "este non é un proxecto de unión entre as capitais peninsulares", senón que debería buscar "reforzar a fachada atlántica".

Despois das críticas no atraso desta conexión por parte da oposición, o Goberno estatal indicou que o ámbito do estudo informativo publicado hoxe abrangue desde a estación Vigo-Urzáiz até a súa conexión coa liña convencional cara a Tui e o seu alcance terá o detalle suficiente para sometelo a información pública e avaliación ambiental.

Os traballos correspondentes ao contrato parten de dúas análises previas de viabilidade e funcionalidade que se desenvolverán en dúas fases: a selección de solucións óptimas e a tramitación dos procedementos de información pública.