Transportistas instan a Xunta a exixir o traspaso da AP-9

A conselleira María Martínez Allegue co presidente de Fegatramer, Ramón Alonso, esta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
Reclaman a gratuidade da Autoestrada do Atlántico e da AP-53.

Transportistas da Galiza defenden a transferencia e a gratuidade da AP-9 e a AP-53, dúas infraestruturas de vertebración da Galiza que, consideran , na súa situación actual supoñen un "lastre" para a cidadanía, a mobilidade e a economía galega. 

"Dixémolo sempre", afirma o presidente da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer), Ramón Alonso, en declaracións a Nós Diario: "Ten que haber un traspaso da AP-9 —autoestrada desde Ferrol até a fronteira portuguesa— e da AP-53 —Compostela a Dozón—", indica, unha demanda que onte transmitiu á conselleira de Transporte e Mobilidade, María Martínez Allegue, nunha reunión na capital galega. 

Mais, engade Alonso, esa transferencia a Galiza ten que vir acompañada "da gratuidade" de ambas as dúas autoestradas. Se ben, indica, as bonificacións que se aplican na AP-9 —en virtude do acordo de investidura entre BNG e PSOE— alivian a situación, o obxectivo debe de ser "camiñar cara á gratuidade".

O presidente dos transportistas galegos afirma que a situación "periférica" na que está a Galiza fai que o transporte para levar mercancías teña moita importancia, "e aí o custo en peaxes" é, indica, un lastre para a competitividade do sector. Máxime, indica, cando o transporte por estrada continúa a ter unha importancia maior que en Europa. "En Europa ao redor de 23% das mercancías móvense en tren, e aquí anda sí en 4%", sinala.

Ademais, tamén defendeu que a conexión ferroviaria dos portos galegos co Corredor Atlántico "se faga canto antes", pois iso favorecería "a Galiza" e "aí gañamos todos, non só o tren".

Usuarias

A defensa do traspaso feita polos transportistas galegos súmase á realizada hai unhas semanas por parte de En Colectivo, asociación que reúne usuarios e usuarias da AP-9, que pide "recuperar para o público" esta infraestrutura.

Na Galiza están dúas das tres autoestradas do Estado español co máximo de tempo autorizado para seren explotadas en concesión por unha empresa privada: a AP-9 e a AP-53 e ambas as dúas polo mesmo grupo, a multinacional Itínere. A mencionada Autoestrada do Atlántico e a AP-53 son, canda a AP-66 Campomanes-León, as únicas autoestradas no Estado español co máximo de tempo de concesión para a súa explotación por parte de empresas privadas: son de pagamento durante 75 anos. 

Máximo de concesión

A AP-9 é a única das autoestradas de primeira xeración construídas no Estado con 75 anos de concesión, prazo tamén vixente desde o momento da adxudicación para a outra autoestrada estatal que hai na Galiza, a que une a capital galega co alto de Santo Domingo (Dozón): tres cuartos de século para a súa explotación en réxime de concesión. A data de reversión da AP-9 é en 2048, alargamento froito das prórrogas concedidas no seu día por Gobernos estatais do PSOE e do PP. A AP-53 terá que agardar a 2074 para a fin da súa explotación por unha empresa privada. Ningunha outra vía no Estado terá que esperar tanto para a súa reversión como a que une Compostela e a comarca do Deza.