O Tribunal Constitucional avala que as mozas de 16 e 17 anos poidan abortar sen consentimento familiar

A sede do Constitucional (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

A resolución sae adiante por sete votos fronte a catro

O Pleno do Tribunal Constitucional avalou esta terza feira a reforma da lei do aborto que permite interromper o embarazo ás mozas de 16 e 17 anos sen consentimento familiar, e estabelece os hospitais públicos como centros de referencia para esta práctica.

Fontes xurídicas confirmaron que o TC rexeitou o recurso de Vox cos sete votos a favor da maioría progresista fronte aos catro da minoría conservadora, idéntico resultado ao de hai xusto un ano cando o tribunal avalou a lei de prazos, impulsada polo Goberno español de José Luis Rodríguez Zapatero.

Os maxistrados Concepción Espejel, Enrique Arnaldo, César Tolosa e Ricardo Enríquez, dos ector conservador, anunciaron voto particular en contra da decisión da maioría.

Vox levou a lei ante o Constitucional ao considerar que vulnera os principios de liberdade, pluralidade e legalidade, e os dereitos á vida, á igualdade e á liberdade ideolóxica.

Foi en febreiro de 2023 cando o Congreso español aprobou definitivamente a reforma que supuxo devolver ás menores de 16 e 17 anos o dereito ao aborto sen necesidade de contar con permiso paterno, un aspecto sobre o que o TC non se pronunciou ese ano ao resolver o recurso do PP contra a lei do 2010, porque o Goberno de Mariano Raxoi suprimiu ese artigo en 2015.

A reforma tamén eliminou os tres días de reflexión e blindou o aborto fronte a protocolos antiabortistas como o que propuxo Vox en Castela e León.