O Tribunal Constitucional rexeita a solicitude de amparo presentada polo asasinato de Moncho Reboiras

Manuel Reboiras ensina a querela criminal polo asasinato do seu irmán, Moncho Reboiras. Estivo acompañado da avogada de Ceaqua, Irene Álvarez. Abril de 2023. (Foto: Nós Diario)
O Constitucional desestima o recurso de amparo presentado por Manuel Reboiras Noia, irmá do nacionalista asasinado en 1975, “dada a manifesta inexistencia de violación dun dereito fundamental tutelábel en amparo”.

O Tribunal Constitucional (TC) acordou non admitir a trámite o recurso de amparo interposto por Manuel Reboiras Noia, cuxo obxecto era a investigación xudicial dos feitos que orixinaron o asasinato do seu irmán, Xosé Ramón (Moncho) Reboiras Noia, o 12 de agosto de 1975 en Ferrol, nun contexto de crimes de lesa humanidade; feitos que foron denunciados inicialmente ante o Xulgado de Instrución número 1 de Ferrol en febreiro de 2022.

Así o informa Ceaqua-Galiza, que lembra que foi a primeira querela contra os crimes do franquismo na Galiza, que tras a aprobación da Lei 20/2022, do 19 de outubro, da Memoria Democrática, sumouse ás máis de 80 querelas presentadas en todo o Estado español á investigación e enxuizamento dos crimes de lesa humanidade cometidos pola ditadura franquista e durante a Transición.

A providencia do TC ditouse a raíz do recente auto de xuño de 2024 no recurso de amparo número 7261/2021, do Pleno do Tribunal Constitucional interposto por Francisco Ventura Losada en relación coas torturas sufridas nun contexto de crimes de lesa humanidade durante a ditadura franquista. Auto que reproduciu os argumentos do TC no Auto 80/2021, do 15 de setembro, na demanda de amparo presentada por Gerardo Iglesias Arguëlles coa novidade de considerar insuficiente a Lei de Memoria Democrática para a investigación dos crimes franquistas.

No presente caso, o Constitucional desestima o recurso de amparo presentado por Manuel Reboiras Noia “dada la manifiesta inexistencia de violación de un derecho fundamental tutelable en amparo”.

Así é, sinalan desde Ceaqua, como, “unha vez máis, o Tribunal Constitucional, que ten como función a garantía e protección dos dereitos fundamentais, nega o dereito á tutela xudicial efectiva a todas as persoas que sufriron graves violacións puníbeis  dos dereitos humanos durante a ditadura e a transición, e iso malia as obrigas internacionais contraídas polo Estado español coa ratificación dos Tratados e Convenios Internacionais que forman parte do noso ordenamento xurídico” , así como “os numerosos e reiterados pronunciamentos dos distintos mecanismos adscritos ao Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, que viñeron censurando ao Estado español os distintos mecanismos de impunidade que impiden a investigación destes crimes de dereito internacional”.

“Unha vez máis, dende Ceaqua-Galiza manifestamos o noso desacordo e rexeitamento á situación de consolidación do modelo de impunidade que mantén o Estado español coa inadmisión da tramitación desta solicitude de amparo, situación impropia para un Estado de Dereito por ter lugar no máis absoluto desprezo aos dereitos das vítimas que sufriron crimes franquistas”.

“Reiteramos a necesidade de que tanto o poder executivo como o lexislativo dean pulo a medidas oportunas para romper o muro de impunidade dos crimes franquistas”, indican. “Todo isto ante a insuficiencia da Lei de Memoria Democrática tras a inadmisión das querelas presentadas e inadmitidas a trámite nos distintos Xulgados e Tribunais do Estado español tras a aprobación da mesma”

Por iso, sostén esta organización, faise imprescindíbel que, “contra as políticas de impunidade do Estado español e a negación de dereitos ás vítimas dos crimes do franquismo”, a resposta sexa dar pulo a iniciativas que busquen a aprobación de medidas lexislativas que permitan a investigación penal destes crimes.

Neste sentido, citan en concreto a derrogación/modificación da Lei de Amnistía e a introdución no Código penal do principio de legalidade internacional dende a perspectiva do Dereito Internacional.