O Tribunal Supremo admite o recurso da frota pesqueira contra a eólica mariña

Instalación de eólica mariña de Iberdrola en Escocia (Foto: Europa Press).

Agora, o Miteco ten un prazo de 20 días para remitir o expediente administrativo correspondente á disposición

A Sala Terceira, do Contencioso-Administrativo, do Tribunal Supremo admitiu a trámite o recurso interposto pola Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños contra o Real Decreto 150/2023, de 28 de febreiro, polo que se aproban os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) das cinco demarcacións mariñas españolas, plans que contemplan o despregamento da eólica mariña nas costas galegas.

Comeza desta maneira o procedemento xudicial polo que se require ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) que, nun prazo de 20 días, remita o expediente administrativo correspondente á disposición.

Segundo as persoas promotoras do Manifesto Burela, a través da aprobación dos POEM, o Miteco contravén o Principio de Precaución e a normativa estatal e internacional que obriga a protección do medio mariño.

Congreso español

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, comparecerá a próxima cuarta feira, 10 de maio, na Cámara baixa do Estado español, a iniciativa do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e a CUP.

A ministra deberá informar sobre os POEM e sobre a implantación da eólica mariña nas costas do país.