Turismo

Unha trintena de concellos xa implantaron a taxa turística en Portugal

Setúbal é, até o de agora, o último municipio en se dotar dunha taxa turística, que empezará a aplicar en setembro. (Foto: Turismo Setúbal)
O Goberno galego non oculta o seu desacordo cunha taxa ao turismo.

O Miño separa a Galiza e Portugal, ao menos no que se refire a como tratar o fenómeno dun turismo cada vez máis masivo e con maior impacto nas comunidades de residentes. Ao sur do Miño, unha trintena de concellos teñen implantada unha taxa turística. Ao norte, o Goberno galego deixou ver o seu desacordo cunha medida que, como afirmara o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o pasado mes de xullo en resposta a unha pregunta de Nós Diario, "dá a imaxe non real dunha Galiza masificada e non é iso". 

Hai unha diferenza a ter en conta. En Portugal, a taxa é competencia municipal, polo que os concellos poden estabelecela se así o aproban os seus órganos competentes. Na Galiza, a competencia para aprobar ese gravame é autonómica, corresponde ao Goberno galego elaborar a proposta e remitila ao Parlamento para a súa aprobación.

Isto é, precisamente, o que lle reclama a alcaldesa de Compostela, a nacionalista Goretti Sanmartín, quen urxe a Rueda a dar os pasos necesarios canto antes para poder dispor na Galiza dunha taxa turística. 

"A sociedade compostelá quere a taxa turística, é un clamor", manifestou a rexedora na presentación do Informe para o imposto sobre estadías turísticas en Compostela. Neste estudo, que tivo entre os seus coordinadores o catedrático da USC Rubén Lois, foi precisamente Portugal unha das referencias estudadas á hora de aplicar unha taxa turística. "En Portugal a situación é extraordinariamente dinámica", sinálase, "mentres se someten a senllos procesos de reforma e actualización tarifaria as dúas taxas máis sinaladas, as de Porto e Lisboa, multiplícanse os municipios que se dotan da súa [propia taxa]". 

Setúbal é polo de agora a última localidade de Portugal en se dotar deste tributo que comezará a cobrar en setembro. O Concello de Setúbal xustificou a creación do imposto polo considerábel aumento da actividade turística e pola necesidade de asegurar novas fontes de financiamento, de acordo co "principio de distribución equitativa das cargas públicas". Neste municipio de 212.000 habitantes, os turistas realizaron en 2023 un total de 372.482 noites.

En avance

Lisboa, Porto, Vila Nova de Gaia, Braga, Póvoa do Varzim, Coimbra, Sintra, Cascais, Mafra, Faro, Vila Real de Santo António, Santa Cruz ou Figueira da Foz son algúns dos concellos que no país veciño aplican a taxa turística. Entre os municipios lindeiros coa Galiza que aplican esta medida atópanse Caminha e Viana do Castelo, ambos os dous no distrito de Viana do Castelo. No primeiro concello, os turistas realizaron no ano pasado perto de 120.000 noites e no segundo case 335.000. Caminha comeza a cobrar taxa turística en setembro e en Viana xa está operativa. Un euro por noite na época baixa e 1,50 euros os meses de tempada alta.

Na Galiza, até o de agora, mostraron publicamente a súa pretensión de poder contar cunha taxa ao turismo Compostela e O Grove. Tanto Goretti Sanmartín (BNG) como José Antonio Cacabelos (PSdeG) instaron Rueda a dar os pasos para que o Goberno galego faga posíbel esa demanda. Até o de agora, sen sorte.