A tripulación do 'Nuevo San Juan' regresa á casa

Os 15 tripulantes foron rescatados polo 'Nuevo Confurco'.
Os 15 tripulantes do pesqueiro incendiado no Gran Sol chegaron ao porto irlandés de Castletownbere contra as 8.30 horas da segunda feira para prestar declaración. Voltarán á Galiza entre esta terza e a cuarta feira.

Dous dos 15 tripulantes do Nuevo San Juan, pesqueiro con base en Burela (A Mariña) que o pasado domingo sufriu un incendio en augas do Gran Sol, xa regresaron á casa. Agora espérase que todos volvan entre esta terza e a cuarta feira, en función dos voos dispoñíbeis.

Así veñen de notificalo diferentes fontes próximas á armadora citadas pola axencia Europa Press, unhas fontes que inciden en que os tripulantes están en bo estado após o sinistro. Os 15 tripulantes do pesqueiro do Nuevo San Juan, rescatados o pasado domingo polo Novo Confurco, con base en Vigo, chegaron ao porto irlandés de Castletownbere contra as 8.30 horas da segunda feira.

Á súa chegada a porto púñanse ao dispor das autoridades para relatar o sucedido e o patrón realizaba a coñecida como protesta de mar, a manifestación formal do ocorrido en caso de sinistro.

O incendio no buque

Salvamento Marítimo recibiu un aviso do Nuevo San Juan pouco despois das 7 horas do pasado domingo no seu centro de Fisterra por un incendio a bordo mentres faneaba en augas do Gran Sol, en zona SAR británica. Con esta información, Salvamento informou o seu homólogo no Reino Unido, que desviou a varios buques á zona.

Sobre as 7.45h efectuouse o rescate polo Novo Confurco, que evacuou todas as persoas en bo estado a bordo de dúas balsas salvavidas. Na tarde da segunda feira o barco aínda continuaba ardendo á deriva, controlado por autoridades francesas.

O Nuevo San Juan é un palangreiro de fondo que está activo desde maio de 1999 e pertence ao censo unificado da frota de NEAFC, realiza a súa actividade en augas do Gran Sol e de Francia, no golfo de Biscaia, e está dedicado especialmente ás capturas de pescada de pincho. Ten 31,5 metros de eslora.