Máis

Trixemelgas de Ferrolterra

A illa de Santa Comba, integrada na praia homónima, en Covas (Ferrol). [Foto: Nós Diario]
Tres pequenas illas agóchanse coa marea.

Na parroquia ferrolá de Covas atópase a praia de Santa Comba, un areal de case un quilómetro e medio de lonxitude de gran interese histórico e natural. Atópase afastada da civilización, permitindo que a súa area branca e fina fique inexpugnábel. 

Á súa dereita atópanse tres illas que se coñecen baixo un único nome: a illa de Santa Comba, aínda que tamén se lle chama a illa do Medio. Nas súas orixes, eran unha única península, mais a constante erosión mariña fixo delas un espazo só accesíbel cando a marea está baixa e atravesando un estreito tómbolo de area. Cando as augas soben, a illa divídese en tres porcións percorridas por profundas canles. Posúe cinco hectáreas de superficie completamente chairas. Así e todo, a praia homónima si é accesíbel os 365 días do ano, conta con zona de aparcadoiro e é o espazo axeitado para a práctica de deportes náuticos, como o surf, grazas ao vento e fortes olas que azoutan Santa Comba.

O encanto das illas tamén radica nas edificacións que agocha. O castro de Santa Comba é a obra máis antiga e data da Idade de Ferro. Os traballos de escavacións atoparon nesta zona un dos fornos metalúrxicos máis antigos da Galiza, unha necrópole medieval e diferentes construcións destruídas pola erosión mariña en puntos perto dos cantís e o antigo istmo. Os restos mellor conservados confórmanos dúas profundas gabias con muros no interior deste foxo que puideron tratarse dun reforzo defensivo. Foi un asentamento dominante en diferentes etapas históricas, ao ser un punto de control e comercio, zona de defensa estratéxica, comunicación cos vales interiores e acceso aos recursos pesqueiros da contorna.

No último domingo de xullo, a illa acolle unha romaxe até a ermida de Santa Comba, unha construción románica do século XII. Posúe unha única nave de planta rectangular con muros de cantaría e cuberta a dúas augas. A ermida puido ser obra do proceso de cristianización de lugares pagáns.

Illa de Santa Comba
/ Covas, Ferrol (Ferrolterra) /
Coordenadas: 43°33'37.2"N 8°17'05.7"W

Ermidas illadas. Honra a Santa Comba. Lendas do lugar.

Entre as persoas da contorna cóntase que Santa Comba chegou até a illa nunha barca de pedra xunto co seu fillo San Silvestre. É a explicación relixiosa do nome da illa, mais tamén ten as súas orixes pagás. 

A suposta embarcación atópase nunha pequena elevación da illa do Medio. Existen diferentes teorías sobre que era esta rocha. Algunhas apuntan a que se trataba dunha pila empregada como faro, mentres que outras afirman que son os restos dun antigo sarcófago de orixes descoñecidas. A veciñanza tamén conta que intentaron movela, pero sempre afundía máis na terra.