Recadan máis de 8 mil euros

Trocan os eucaliptos por carballos e cerdeiras en Lousame

Unha iniciativa social xurdida en Lousame provocou a substitución de eucaliptos do monte Froxán por carballos, cerdeiras, bidueiros ou freixos.

Froito dun traballo de recollida de fondos, campaña na que se recadaron máis de 8.000 euros en tan só 20 días, o monte Frouxán mudou os seus eucaliptos pos especies autóctonas. Colectivos sociais, cunha destacada presenza de veciñas e veciños e ecoloxistas, realizaron na mañá do sábado a primeira xornada de plantación.

 

Logo da recadación dos 8.000 mil euros coa campaña Kukumiku, hai máis de 1.000 árbores como cerdeiras, freixos, bidueiros ou carballos para plantar na zona. Unha iniciativa da que toman parte a Comunidade de Montes Froxán, a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins e Verdegaia.

 

A campaña permite a calquera persoa “amadriñar” unha árbore ou parcela e ten como fin a restauración do bosque nun espazo de 10 hectáreas. Para iso, as organizadoras e organizadores estabelecerán un calendario de actuacións. A próxima xornada de traballos terá lugar o 4 de febreiro.

 

A plantación de frondosas autóctonas ten como obxectivo crear unha devesa verde nunha zona sensíbel de cabeceira da conca, que é fundamental para a regulación dos recursos hídricos e para o bon estado das augas.

 

Durante a tarde do sábado, crianzas da Escola Semente de Compostela foron as protagonistas de actividades creadas ao redor desta campaña social.

 

Nota: na versión inicial desta información deslizouse unha incorrección ao escribirmos "cereixo" cando a forma correcta é "cerdeira". Fomos advertidos do erro polo comentario dum leitor.