O TSXG admite a trámite o recurso dunha empresa eólica contra a Xunta no que lle reclama 46 millóns por autorizarlle un parque que anulou o Supremo

Traballos para a instalación do parque eólico no Iribio. (Foto: Adega)
Fergo Galicia Vento esixe á Administración que a indemnice polos danos e prexuízos que entende que lle causou a anulación do proxecto do parque eólico Serra do Iribio, situado entre os concellos de Triacastela e Samos (Sarria)

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) admitiu a trámite o recurso interposto pola empresa Fergo Galicia Vento S.L. contra a Xunta da Galiza, á que lle reclama case 46 millóns de euros polos danos e prexuízos que entende que lle causou a nulidade xudicial da autorización que lle concedeu o Goberno autonómico para executar o proxecto do parque eólico Serra do Iribio, situado entre os concellos de Triacastela e Samos (Sarria). Esa nulidade é firme, pois o Tribunal Supremo ratificou a sentenza emitida pola sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG sobre o parque eólico.

O 21 de setembro de 2023 a empresa presentou ante a Xunta unha reclamación de responsabilidade patrimonial, na que solicitou unha indemnización de 10.131.317 euros, en concepto de dano emerxente ou perda patrimonial; e de 35.656.963 euros como lucro cesante -é dicir, pola ganancia que deixou de obter-.

Ao non responder a Xunta a esa reclamación, Fergo Galicia Vento S.L. presentou un recurso contencioso-administrativo polos trámites do procedemento ordinario ante o TSXG, o cal foi incoado.

O alto tribunal galego, tal e como se require neste tipo de asuntos, solicitou o expediente á Xunta, á que tamén deu traslado do recurso de reclamación patrimonial por silencio administrativo interposto pola empresa.

Suspensións cautelares

Un dos argumentos que os maxistrados e maxistradas da sección terceira do Contencioso-administrativo esgrimen en autos nos que están ordenando paralizar, de forma cautelar, algunhas das autorizacións outorgadas pola Xunta para construír parques eólicos na Galiza é o feito de que consideran que a paralización temporal desas construcións é “un mal menor” -como consta no auto 7136- en comparación “co custo económico que para as arcas públicas da Xunta tería a construción das instalacións se posteriormente se declarase a súa ilegalidade, xa que podería implicar o deber de demolición (á conta da Administración autorizante) e de indemnización ao promotor que construíu de boa fe amparado en título administrativo”.

Por iso, neses autos, desde o punto de vista económico, os xuíces do TSXG, na ponderación dos intereses públicos e os particulares das empresas se decantan pola prevalencia dos primeiros.

Novos autos

Os maxistrados da sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG emitiron novos autos nos que acordaron a suspensión das autorizacións outorgadas pola Xunta para os proxectos de catro parques eólicos -Maxal, Serra do Colmo, Uxo e Castro Valente- e outros dous autos nos que rexeitaron a medida cautelar solicitada referente aos parques eólicos Monte do Cordal e Seselle.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza notificou até hoxe 56 autos nos que decide sobre as solicitudes de suspensións cautelares de autorizacións administrativas e de construción de 35 parques eólicos, dos cales 31 foron acolledores -Ventumelo, Porto Vidros, Banzas, Monte Neme, Zamorra, Touriñán II, Felga, Rodeira, O Cerqueiral, Chao do Marco, Monte Peón, As Encrobas, Pico Seco, Serra do Faro Ampliación II, As Penizas, Figueiras, Reboiro, Alto da Telleira, Troitomil, Outeiro Grande, Rodicio II, Alto de Montouto, Meirama, Monte da Croa, Gato, Cunca, Serra do Farelo, Maxal, Serra do Colmo, Uxo e Castro Valente; e, o resto (4), desacolledores -Vilartoxo, Neboada, Monte do Cordal e Seselle-.