Xustiza

O TSXG alerta do aumento "exponencial" da ciberdelincuencia, na súa maioría por compras na internet

"Hai que ter en conta, ademais, que a estes datos habería que sumar os casos que non se denuncian, pois os expertos advirten que os ciberataques son moito máis frecuentes", advirten desde o TSXG. (Foto: Nós Diario)
Só no partido xudicial da Coruña abriuse este ano, entre xaneiro e xuño, "case un procedemento ao día sobre esta clase de delitos".

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, alertou esta cuarta feira de que a ciberdelincuencia que afecta empresas, particulares e institucións "evoluciona exponencialmente cada ano", e avogou por "educar e protexer" a cidadanía das estafas dixitais e "integrar a intelixencia artificial de forma segura". Así o manifestou na apertura dunha xornada dedicada a analizar os retos de ciberseguridade e a fraude dixital, organizada por Abanca en colaboración co TSXG. O evento, organizado na sede de Afundación na Coruña, conta coa participación de diferentes expertos dos ámbitos tecnolóxico, financeiro, xudicial e policial.

Na súa intervención, Díaz-Castroverde destacou que só no partido xudicial da Coruña abriuse este ano, entre xaneiro e xuño, "case un procedemento ao día sobre esta clase de delitos". Os datos, precisou, revelan que "se iniciaron 177 casos deste tipo". "É dicir, 23% máis que nas mesmas datas do pasado ano". Deles, "a maioría, 95", foron relativos a cargos de compra relacionados con tarxetas que non son recoñecidos polos seus propietarios. Na Coruña tamén se abriron no primeiro semestre deste ano "45 procedementos por vendas ou compras" nas que os afectados non recibiron nin a compra nin o diñeiro.

"Hai que ter en conta, ademais, que a estes datos habería que sumar os casos que non se denuncian, pois os expertos advirten que os ciberataques son moito máis frecuentes", asegurou. En consecuencia, o presidente do TSXG considera "importante e imprescindíbel" encontros "interdisciplinares" como esta xornada para abordar esta problemática. "É necesario facer fronte a esta crecente ameaza que supoñen os ataques cibernéticos, pero tamén o é aproveitar as oportunidades que presenta a nova era dixital", puntualizou.

Máis medios

Respecto aos casos de cibercrime económico, sinalou que a lexislación "é clara, pero faltan medios para poder loitar contra unha delincuencia en aumento e difícil de perseguir porque é transnacional". "Tamén estamos a asistir á aparición de novos modelos de comisión de delitos, en moitos casos relacionados coa intelixencia artificial e que requirirá avances ou reformas no Código penal", engadiu. E, neste senso, indicou como "principal problemática" a "imposibilidade de lexislar á velocidade á que avanzan as novas tecnoloxías".

Por todo iso, Díaz-Castroverde avogou por "educar e protexer á cidadanía, ás empresas e institucións destes ataques e estafas dixitais e integrar a intelixencia artificial de forma segura segura". A nivel xudicial, o obxectivo é, na súa opinión, "analizar que pode achegar a Administración de Xustiza para mellorar esta situación, para facela máis áxil e máis eficaz".

Na apertura desta II Xornada de Ciberseguridade Abanca, tamén interveu o director xeral de Goberno Corporativo e Asuntos Legais e secretario do Consello de Administración de Abanca, José Eduardo Álvarez Naveiro, quen recalcou que "o reto da ciberseguridade só se pode abordar dunha maneira transversal, horizontal e en colaboración público-privada". Do mesmo modo, apuntou que "parte relevante da xestión da ciberseguridade" é a "concienciación de que ese risco existe, que é un risco crecente e que hai que xestionar".

Na mesma liña, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, destacou, no seu relatorio, que en aspectos de preservación da seguridade da información e respecto á privacidade, realizan "moitas tarefas de formación e concienciación para que o persoal de administración coñeza as ameazas e os riscos para a seguridade da información". Cerviño, ademais, lembrou que o Encontro Galego de Ciberseguridade 'CIBER.gal' deste ano decorrerá os días 2 e o 3 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.