O TSXG anula a autorización da Xunta ao parque eólico do Iribio
O proxecto dun parque eólico na serra do Iribio, unha área coa cualificación de espazo natural protexido, provocou a firme oposición do movemento ecoloxista galego. As asociacións Verdegaia, Petón de Lobo, Adega, Fundación Oso Pardo e mais a Sociedade Galega de Ornitoloxía levaron o caso aos tribunais.
Hoxe, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza estimou en tres sentencias distintas os recursos presentados polo ecoloxismo galego. Contra as súas sentenzas cabe aínda recurso de casación.
O pasado ano, noutro auto suspendeu cautelarmente o acordo do Consello da Xunta no que se aprobara o proxecto desestimando o recurso da propia Administración galega. Agora, os maxistrados argumentan que o plan 2007-2009 do parque estaba caducado.
"O proxecto autorizado pola resolución do 31 de maio de 2007, coa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) aprobada o 12 de agosto de 2005 non foi construído nin instalado.
A resolución que o autorizaba indicaba que o promotor tería un prazo de 12 meses contados a partir da fecha de ocupación dos terreos para a posta en marcha da instalación", argumentan. Unha DIA "obsoleta" para o plan modificado en 2018.
O tribunal entende que o parque eólico do Iribio non se pode considerar “existente” para a excepcional autorización aprobada no Consello da Xunta, xa que “non se comezou a executar o proxecto de 2007-2009, non están en explotación, nin instalados aeroxeradores”. Por iso, conclúe que non se pode “modificar o que non existe”.
Así mesmo,o auto sinala que o terreo forma parte da Zona de Especial Conservación Os Ancares-O Courel, Zona de Especial Protección de Valores Naturais e zona da Rede Natura 2000.