Xustiza

O TSXG anula a autorización outorgada pola Xunta para construír un parque eólico de Greenalia

Construción dun parque eólico da compañía enerxética galega. (Foto: Greenalia)
O proxecto fora paralizado cautelarmente o pasado mes de outubro após levar o caso a instancias xudiciais Adega e mais a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica. A Sala ve unha "indebida fragmentación" dun só proxecto en tres, cuestión da que xa informara 'Nós Diario' hai dous anos.

No verán de 2021 a Xunta da Galiza concedía as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Bustelo, impulsado pola enerxética galega Greenalia nos termos municipais de Coristanco e Carballo. Ao seu carón proxectábanse —daquela aínda en fase de tramitación— os aeroxeradores que conformarían os parques Campelo e Monte Toural, e xa entón Nós Diario informaba da posíbel concorrencia destes tres proxectos nun caso de "fragmentación artificial", tal e como denunciaban colectivos ecoloxistas como Petón do Lobo, a Plataforma Eólicos Non Bustelo-Campelo-Monte Toural ou Adega.

Foi precisamente esta última asociación a que elevou o caso a instancias xudiciais, da man da Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, e hai escasos minutos o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, que xa decretara en outubro pasado a paralización cautelar do proxecto Campelo —e posteriormente tamén de Bustelo e Monte Toural—, informou da anulación, por parte da sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do alto tribunal galego, da autorización concedida polo Goberno galego para a súa construción. Entenden os maxistrados que se produciu unha "indebida fragmentación".

Entenden os maxistrados que isto afectou as garantías do proxecto a nivel ambiental: "Ningún letrado nega que os tres proxectos compartan liñas e infraestruturas de evacuación, como tampouco que cada un deles fose obxecto de estudo dos seus efectos acumulativos e sinérxicos, así como da súa propia declaración de impacto ambiental, de modo que con iso recoñecen abertamente que se produciu a fragmentación da avaliación ambiental de proxectos de tres parques eólicos que, en realidade, non eran autónomos, senón integrados e dependentes entre si, ao compartir estruturas e conexións".

Todo isto, porén, "a pesar de que as solicitudes se formularon en datas distantes entre si", polo que a avaliación ambiental ordinaria destas infraestruturas "tería que ser única" a fin de valorar as afeccións no seu conxunto. É por iso que o TSXG acordou acoller o motivo de nulidade, unha decisión que podería reeditarse no caso doutros proxectos eólicos recorridos polos ecoloxistas ante a Xustiza alegando esa mesma cuestión.

O veredicto lembra tamén que o artifo 33.7 da Lei do aproveitamento eólico da Galiza dispón que tanto o proxecto de execución como o estudo de impacto ambiental deben som,eterse conxuntamente a un trámite de información pública durante un prazo de 30 días. No caso de Campelo, o Consello da Xunta optou en 2018 por declaralo "proxecto de interese especial", a fin de tramitalo de forma prioritaria e con redución de prazos á metade, tanto na instrución do procedemento das autorizacións previa e de construción como no procedemento de avaliación ambiental e do proxecto sectorial.

E, de forma paralela, contrapón isto coa directiva comunitaria 2014/51/UE, que sostén que "o prazo fixado para a consulta do público interesado sobre o informe de avaliación do impacto ambiental non será inferior a 30 días". Os xuíces subliñan que "era obriga imposta aos estados membros traspor tal directiva, como moi tarde, o 16 de maio de 2017"; é dicir, antes de se decretar o parque eólico "de interese especial".

"A primacía do dereito comunitario sobre o autonómico non deixa lugar a dúbidas, do que se conclúe que non foi acorde a dereito a redución do prazo de información pública á metade no procedemento de avaliación do impacto ambiental", conclúen os maxistrados. E engaden, aliás, que cando se someteu o proxecto ao último trámite de información pública, por un prazo de 15 días, "aínda non se recibiran todos os informes sectoriais".

En consecuencia, quen xa alegaran ou quen aínda non o facían no prazo outorgado, entende a Sala, "non puideron exercer de forma plena o seu dereito para participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban, nun trámite que necesariamente tiña que realizarse antes de adoptar a decisión definitiva sobre o proxecto que se promovía".

A sentenza, con todo, non é firme e Greenalia ou a Xunta da Galiza aínda poderían presentar un recurso de casación diante do Tribunal Supremo.