Xustiza

O TSXG avala os contratos da Xunta con Monbus malia superaren o tope

Autocar da compañía Monbus, que controla 80% das liñas na Galiza. (Foto: Nós Diario)
Cinco adxudicacións non foron computadas.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de avalar a adxudicación a unha Unión Temporal de Empresas (UTE), por parte da Xunta da Galiza, do lote 50 do contrato de transporte escolar de centros públicos dependentes da Consellaría de Educación, a pesar de que a porcentaxe de participación de empresas do Grupo Monbus é de 63%.

Os maxistrados do alto tribunal galego, polo tanto, rexeitaron o recurso presentado por nove compañías de transporte contra a adxudicación do lote 50, que forma parte dos 57 lotes licitados pola Xunta da Galiza para a realización de rutas de transporte escolar a 424 centros de ensino.

O TSXG rexeita o argumento das empresas recorrentes e conclúe que o Grupo Monbus non superou o límite imposto na Lei de Contratos do Sector Público e no Prego de Cláusulas Administrativas Particulares, que acoutan o número de lotes que poden adxudicarse a cada licitador. En concreto, o prego estabelecía un máximo de adxudicación a unha mesma licitadora de oito lotes.

A pesar de que en resolucións anteriores o alto tribunal galego si entendeu que Monbus excedera ese número, agora na sentenza explica que, tras analizar a proba dispoñíbel, os lotes adxudicados a UTES conformadas maioritariamente polo Grupo Monbus, isto é, nos que participa en máis de 50%, foron unicamente seis, polo que non superou o límite de oito. E isto é así, segundo indica o tribunal, porque o propio Prego de Cláusulas Administrativas Particulares estabelece que non poden computarse para a suma total os lotes nos que as UTE participadas polo Grupo Monbus foran as únicas que optaron a eles.

Este é o caso de cinco lotes, que non poden sumarse aos seis nos que o Grupo Monbus participa en máis de 50%, como tampouco pode sumarse un dos lotes adxudicados no que ese grupo de empresas non ten participación.

O TSXG conclúe que, ao ser o número de adxudicacións en concorrencia con outras empresas inferior a oito, non se pode reputar superado o máximo previsto no prego, nin infrinxido o precepto da lei do que se deriva, polo que rexeita o motivo de impugnación.