Xustiza

Sentenza contra o Nadal de Vigo: o Concello deberá indemnizar unha veciña polo ruído

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acendeu o alumeado de Nadal o pasado 24 de novembro. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
O TSXG estima parcialmente o recurso da demandante contra unha sentenza previa e salienta que viu vulnerados os seus dereitos fundamentais durante o Nadal de 2022.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de condenar o Concello de Vigo por vulnerar os dereitos fundamentais á intimidade persoal e familiar e á inviolabilidade do domicilio dunha veciña residente no centro da cidade polo ruído provocado durante a celebración do Nadal do ano 2022-23. Os maxistrados obrigan o consistorio a adoptar "as medidas necesarias" para evitar a "reiteración da súa conduta lesiva dos dereitos fundamentais" e para garantir "que os niveis de ruídos exteriores e interiores non pasen os limiares fixados polas normas aplicábeis". Ademais, impuxéronlle o pagamento dunha indemnización de 600 euros á demandante polos danos ocasionados.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do alto tribunal galego acolleu parcialmente o recurso de apelación interposto pola veciña da rúa Areal contra unha sentenza previa do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo, que rexeitou a demanda que presentara contra o Concello polo ruído provocado polo mercado temático de Nadal e o parque de atraccións, situados nas inmediacións do seu domicilio, entre o 20 de novembro de 2022 e o 16 de xaneiro de 2023. A muller solicitaba unha indemnización de 1.640 euros, equivalente ao prezo de arrendamento dunha vivenda de iguais características e situación durante ese período, pero o TSXG acordou fixala finalmente en 600 euros.

A Sala considera acreditado que o ruído padecido pola apelante "tivo carácter persistente, xa que a súa continuidade perdurou —nos horarios permitidos— practicamente dous meses, e foi intenso porque superou os límites legais permitidos". A afectada, segundo a sentenza, "tivo que desenvolver a súa vida diaria xunto aos seus dous fillos de pouca idade —de 1 e 3 anos— convivindo cun ruído que excedía dos límites do permitido, segundo a normativa de aplicación".

Os maxistrados do alto tribunal galego salientan que todo iso "podería conlevar unha afectación potencial á saúde das persoas", á vez que resaltan que "implica un menoscabo do desenvolvemento da personalidade, ao imposibilitar o desenvolvemento da vida diaria, o que vulnera os dereitos fundamentais denunciados como violados".

Ademais, afirman que o Concello permaneceu "inactivo a respecto da contaminación acústica que se producía, a cal é atribuíbel exclusivamente ao ente local, que é o que tivo o control do foco emisor en todo momento, como dador das correspondentes autorizacións para celebrar a actividade de lecer e responsábel da súa supervisión".

O TSXG lembra que existe un deber dos poderes públicos de "garantir o goce do noso descanso e tranquilidade mínima, segundo as circunstancias", polo que ao ente local "non lle debe caber dúbida de que o interese xurídico que ha de resultar prevalecente, o máis digno de protección, é o dereito dos cidadáns á non recepción de ruídos molestos, en canto expresión de calidade de vida digna". A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.