Xustiza

O TSXG condena o Concello de Vigo a revisar a tarifa de Vitrasa do ano 2021

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, no pleno municipal. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
O xuíz de instancia acolleu a pretensión de que se incrementase a tarifa do ano 2022 por riba da calculada naquel acordo municipal, pero negou que procedese a revisión da do ano anterior.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de acoller, en parte, o recurso de apelación interposto por Viguesa de Transportes S.A. (Vitrasa) contra a sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo de xaneiro de 2023, que á súa vez estimara, tamén en parte, o recurso que interpuxera fronte ao acordo do Goberno Local vigués de abril de 2022 relativo á revisión das tarifas dos exercicios de 2021 e 2022 do contrato de transporte urbano colectivo de viaxeiros.

Desta forma, os maxistrados revogaron a resolución de primeira instancia no que concirne á negativa a revisar a tarifa do ano 2021, polo que condenou a entidade local a calcular esa tarifa "conforme a fórmula prevista na cláusula 62 do prego reitor, cos datos do período comprendido entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2020 para todos os factores aí previstos, a excepción do número de viaxeiros, para o que se terá en conta o que vai desde o 1 de outubro de 2018 ao 30 de setembro de 2019, co pago da suma que resulte, cos seus intereses".

Na sentenza, a Sala explica que a ausencia da revisión do ano 2021 "tivo a súa xustificación no feito extraordinario producido durante o período comprendido entre o 1 de outubro de 2019 e o 1 de setembro de 2020, con ocasión da pandemia da Covid-19, o que alterou de forma substancial a fórmula, metodoloxía e resultados para facer o cálculo do número de viaxeiros, de cuxas resultas se dispuxo que, para o ano 2021, seguirían vixentes as tarifas do ano 2019".

Ademais, os maxistrados do alto tribunal galego indican que o xuíz de instancia acolleu a pretensión de que se incrementase a tarifa do ano 2022 por riba da calculada naquel acordo municipal, pero negou que procedese a revisión da do ano anterior.

O TSXG, con todo, indica que non comparte ese criterio, pois asegura que "a non dispoñibilidade dun factor directamente asociado á incidencia negativa que produciu a situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, como o era o número de viaxeiros, non impedía ter en conta o resto dos factores a que se refería a cláusula 62 do prego reitor que eran por completo alleos a esa pandemia, como era o caso da man de obra, o combustíbel, os materiais e instalacións ou o índice de prezos ao consumo".

De acordo con iso, a Sala comparte "que para determinar o número de viaxeiros se acudise aos datos do ano anterior —enténdese desde o 1 de outubro de 2018 ao 30 de setembro de 2019—", pero non comparte "que non se considerasen o resto dos factores a que esa cláusula se refería". A sentenza non é firme, pois cabe interpor recurso de casación.