Xustiza

12 anos de cárcere para un veciño de Ferrol que abusou sexualmente dunha menor durante sete anos

Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. (Foto: Europa Press / Arquivo)
Aproveitando "o contacto ordinario e a familiaridade que representaba, tras gañarse a vontade da nena", así como "a diferenza de idade e a dependencia creada", o procesado "logrou que a menor participase en escenarios de carácter sexual".

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de confirmar a sentenza previa da Audiencia Provincial da Coruña que condenaba a 12 anos de cárcere un veciño de Ferrol por abusar sexualmente dunha menor, desde que esta tiña 9 anos, de forma continuada.

O veredicto agora ratificado, ademais, impúxolle sete anos de liberdade vixiada e inhabilitouno durante 17 anos para exercer calquera profesión ou oficio que supoña contacto regular e directo con menores, así como a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima —filla dunha muller estranxeira coa que o condenado estabelecera amizade— por calquera medio durante 19 anos.

O procesado, que tamén foi condenado a indemnizar a afectada con 30.000 euros, iniciou sobre o ano 2007 unha relación de amizade con esta muller, que chegara ese mesmo ano a Ferrol desde o seu país de procedencia. O tribunal relata na sentenza, confirmada polo TSXG, que a axudaba economicamente no sostemento dos seus fillos e que "asumiu un papel familiar no coidado" da vítima, nada en 2001, quen o chamaba "avó".

Paulatinamente, segundo o fallo, "fíxose coa confianza da nena, até o punto de ter moitísima influencia sobre ela". Aproximadamente desde 2010, cando tiña nove anos de idade, aproveitando "o contacto ordinario e a familiaridade que representaba, tras gañarse a vontade da nena", así como "a diferenza de idade e a dependencia creada", o procesado "logrou que a menor participase en escenarios de carácter sexual", chegando despois a abusar dela. Estes comportamentos repetíronse con frecuencia, segundo a Sala, até maio de 2017, cando se denunciaron os feitos.