TSXG constata “desviación de poder e nepotismo” na creación e adxudicación dunha praza por Educación

CIG-Ensino indica que a sentenza confirma as súas denuncias por un caso de enchufismo coa creación “ad homine” e adxudicación dunha praza no concurso xeral de traslados do ano 2016 na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra para a cuñada de López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta. O BNG pide a comparecencia no Parlamento de responsábeis da Consellería.

Unha sentenza do TSGX constata “a desviación de poder, a torcida intencionalidade, o ocultismo e a evidente mostra de nepotismo” no caso da creación e adxudicación dunha praza na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. Unha resolución da que informa CIG-Ensino, que incide en que esa sentenza confirma “unha por unha, todas as acusacións” que a sindicato fixo sobre o que cualifica como “caso de enchufismo” coa creación “ad homine” e adxudicación dunha praza no concurso xeral de traslados do ano 2016 na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra.

 

O sindicato nacionalista lembra que en 2014 preténdese incorporar irregularmente a unha listaxe de interinos a unha persoa, naquel momento funcionaria de carreira en Asturias, "que é cuñada de Susana López Abella", secretaria xeral de Igualdade da Xunta, unha medida que se viu truncada logo da reclamación de diversas persoas prexudicadas.

 

A Xunta creou unha praza dunha especialidade que non se imparte en Galiza e que non era necesaria no centro (Conservación e restauración de documento gráfico). O alto tribunal constata, tal e como se denunciou desde o propio centro docente, que adxudicar esa praza supoñía trastornos no reparto das materias entre os diferentes departamentos.

 

A sentenza estima o recurso da CIG-Ensino e anula a adxudicación do destino á profesora enchufada. A sentenza só pode ser recorrida perante o Tribunal Supremo se se acredita interese de casación.

 

Demisión

 

A parlamentar do BNG Olalla Rodil anunciou a petición de comparecencia, no Parlamento Galego, da Secretaria Xeral de Igualdade e do Secretario Xeral de Educación para que expliquen que medidas vai tomar o Goberno Galego após esta sentenza.

 

Para Rodil os feitos probados pola sentenza son “gravísimos e describen un claro caso de nepotismo ou enchufismo, en definitiva, unha cacicada”; polo que pedirá "demisións".