Xustiza

O TSXG desbota a suspensión cautelar de cinco parques eólicos recorridos por ecoloxistas

Parque eólico na serra do Candán, entre as comarcas do Carballiño, Terra de Montes e Deza. (Foto: Arxina)
Os parques eólicos As Penizas, Vilartoxo, Reboiro, Serra do Faro e Monte Festeiros, recorridos por Ecoloxistas en Acción ante o alto tribunal galego, poderán aínda ser suspendidos de forma cautelar pola vía ordinaria, tal e como aconteceu recentemente cos proxectos de Greenalia Bustelo, Campelo e Monte Toural.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de desbotar a aplicación de medidas cautelares urxentes de suspensión das autorizacións outorgadas pola Xunta a outros cinco proxectos recorridos por Ecoloxistas en Acción. Entende a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo que os maxistrados non apreciaron en ningún destes cinco casos "a urxencia requirida pola lei para a tramitación inaudita parte", é dicir, sen escoitar previamente a parte contraria, neste caso a Consellaría de Economía.

En consecuencia, as solicitudes de medidas cautelares mentres non se coñeza a sentenza deberán resolverse polo trámite ordinario e non polo urxente, coñecidas como medidas 'cautelarísimas'. A entidade recorrente, precisan os xuíces, "nada alegou sobre a concorrencia de circunstancias que amparen a tramitación urxente" e salientan que a lei exixe pór de manifesto que, en caso de seguir o procedemento ordinario, a adopción de medidas cautelares resultaría ineficaz, o que non consideran probado neste caso.

A Sala sostén, aliás, que dado que as autorizacións concedidas pola Xunta para estes proxectos datan do pasado abril, e as súas resolucións denegando as suspensións cautelares pola vía administrativa de xuño, "transcorreron xa varios meses" sen que se solicitase "a tutela cautelar ante esta xurisdición, e sen que nada alegue sobre o inicio das obras ou que sexa inminente ese inicio".

Dous dos parques recorridos están impulsados pola compañía Green Capital Power: Vilartoxo, de 6 aeroxeradores e 27 megawatts (MW), na Baña e Val do Dubra, e Reboiro, de nove muíños e 49,5 MW, no Corgo, Baralla e Castroverde. Outro, As Penizas —seis turbinas e 31,2 MW, en Forcarei e Cerdedo-Cotobade—, é de Greenalia, mentres o proxecto Serra do Faro —tres e 13,5 MW, en Dozón, Rodeiro, Cea e Piñor— leva o selo de Adelanta Corporación e, por último, Monte Festeiros —dez muíños e 48 MW, en Forcarei e Silleda— é un proxecto de Tasga Renovables, con vínculos coa construtora Copasa.

Todos eles poderían ser aínda suspendidos cautelarmente se así o estima o TSXG após tramitar as solicitudes pola vía ordinaria, como aconteceu, por exemplo, cos parques de Greenalia Bustelo, Campelo e Monte Toural. Non será ese o caso do proxecto denominado Serra do Faro ampliación II, contra cuxo permiso de construción presentou outra solicitude a asociación Petón do Lobo exixindo tamén medidas cautelares urxentes e que, neste caso, foi directamente inadmitido "porque non consta que interpuxese un recurso contencioso-administrativo previo nin ao mesmo tempo que pediu a medida cautelar".

"Ataques e presións" ao TSXG

Estes autos coñecéronse esta quinta feira, na mesma xornada na que a asociación de consumidores Acouga denunciou os "ataques e presións" ao alto tribunal por parte da patronal eólica, que estaría a artellar, a ollos deste colectivo, unha "campaña de difamación" da que tamén participarían "a Confederación de Empresarios da Galiza, sindicatos como UXT e CCOO e algúns voceiros mediáticos".

Acouga acusou a Xunta de porse "do lado das empresas" alegando que "aceptou" a fragmentación dalgúns proxectos eólicos "para evitar unha avaliación ambiental máis rigorosa". Estas declaracións chegaron após asegurar a patronal que as recentes sentenzas contra proxectos eólicos autorizados polo Goberno galego "crean inseguridade xurídica" e son motivadas " por estratexias de colectivos anti-eólicos que se basean en xustificacións sen rigor técnico, mais cun forte compoñente ideolóxico e político".

"As tramitacións dos novos parques eólicos cumpren co estabelecido na lei e atenden aos informes técnicos preceptivos. Porén, algúns colectivos anti-eólicos, amparados en interpretacións da lei, conducen ao bloqueo estrutural das xestións pertinentes, dilatando sine die os procesos e eliminando calquera certeza para as empresas que teñen que investir no territorio", argumentaba recentemente a patronal do sector eólico.