O TSXG frea de forma cautelar o proxecto eólico Xeada, ás portas da Rede Natura Ancares-Courel

Exemplar de aguia real. (Foto: Tomás).
A xustiza atende a demanda da asocaición ecoloxista Adega e outorga prioridade ao coidado dun espazo protexido e das súas especies.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de comunicarlle á Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) a suspensión cautelar da autorización emitida pola Xunta da Galiza o pasado ano ao polígono eólico Xeada, promovido por Neiva Directorship en Valdeorras e Quiroga, as comarcas homónimas.

O proxecto fai parte, canda a Orballeira e Neboada, dun único macroproxecto eólico continuo de case 65 MW de potencia ás portas do espazo da Rede Natura Ancares-Courel, "fragmentado artificiosamente para esquivar unha rigorosa avaliación ambiental dos impactos conxuntos", mantén a entidade ecoloxista. 

Segundo Adega, o valor natural da contorna foi chave para a suspensión da iniciativa eólica, que afecta de forma crítica á única parella de aguia real (Aquila chrysaetos) da zona, unha das poucas existentes en Galiza. De se levar a cabo, sinala Adega, tamén incidiría negativamente no proceso de recuperación e expansión do oso pardo polas montañas orientais galegas. 

Hábitat protexido

No seu escrito o TSXG expón razóns ambientais para estimar necesaria a paralización cautelar do proxecto eólico. En concreto, o tribunal refire os seus efectos sobre a Rede Natura. Asegura que "a execución do proxecto podería evitar nun futuro non moi afastado unha correcta ampliación (necesaria e pendente) dos espazos protexidos por esta Rede Natura, en cumprimento dos obxectivos xa fixados no seu momento pola Directiva sobre hábitats". Engade, ademais, que "o impulso da enerxía eólica debe planificarse evitando interferencias para a ampliación da Rede Natura e salvar o impacto visual dos parques enerxía eólica nas proximidades de zonas clasificadas como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), o que o fai necesario evitar situar este tipo de proxectos nunha zona adxacente á Rede Natura".

Asegura o TSXG que non pode haber "espazos protexidos rodeados de aeroxeradores"  xa que "as especies a protexer non entenden de planificacións ou fronteiras". As zonas ecoloxicamente relevantes deben obter unha protección íntegra, conclúe o tribunal, que determina a suspensión cautelar da resolución pola que a Xunta autorizou o proxecto.

Reserva da Biosfera

Xeada proxéctase dentro da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e O Courel, e no corredor ecolóxico de tres espazos naturais protexidos: ZEC Ancares-Courel, ZEC Macizo Central e ZEC Enciña da Lastra.

Dos tres proxectos que conforman o complexo, Xeada é o máis próximo á ZEC Ancares-Courel, até o punto de lindar con boa parte do espazo natural protexido e ocupar unha extensa superficie de área prioritaria para a protección da avifauna. "Os seus xigantes aeroxeradores de 220 metros de altura sitúanse moi próximos ás localidades da Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Quiroga. Paisaxisticamente, exercería un grande impacto nos montes de Cernego e nos Tesos de Montouto, Paradaseca, Val do Río Lor, Serra de Biduedo, ou na Serra da Enciña da Lastra" afirma Adega.

Á suspensión cautelar de Xeada súmase a do polígono eólico Xesteirón (Terra de Caldelas), solicitada tamén por Adega, e Avoceta Wind (Chantada e Ourense), que vén de recibir a negativa da Xunta á a autorización ambiental.