O TSXG paraliza cautelarmente outro proxecto eólico de Greenalia recorrido por Adega

Polígono eólico en Abadín, na Terra Chá (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A resolución do auto xudicial deixa suspendida a executividade da resolución pola que se autoriza o proxecto eólico, emitida pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética o pasado 12 de abril de 2023.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de notificar un auto á organización ecoloxista Adega polo que acolle a súa solicitude de paralización cautelar do proxecto eólico Rodicio II, promovido por Greenalia Wind Power nos concellos de Maceda (Allariz-Maceda) e Montederramo (Terra de Caldelas).

A resolución do auto xudicial deixa suspendida a executividade da resolución pola que se autoriza o proxecto eólico, emitida pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética o pasado 12 de abril de 2023.

O alto tribunal asenta a súa decisión no feito de que “a instalación de aeroxeradores no espazo físico natural produce un impacto negativo sobre o medio ambiente, que se extende tanto ao propio ambiente, como sobre a paisaxe e o territorio” e en que existen indicios racionais suficientes que certifican que tal dano é de “carácter irreversíbel”.

Ademais, o TSXG non considera veraz a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) deste proxecto ao non avaliar correctamente os impactos sinérxicos de todos os parques eólicos que conflúen na zona e por estar “mediatizada” pola fragmentación artificiosa do proxecto.

En aplicación do periculum in mora, o alto tribunal apela ao principio de precaución do Dereito Comunitario que impón actuar con vixilancia, xa que en caso de permitir a execución do proxecto e despois estimarse o recurso, “habería que desfacer o dano á costa do erario público, ademais de prexudicar á promotora e ter danado sen remedio o medio ambiente”.

Parque eólico letal para a avifauna

O polígono eólico Rodicio II proxéctase nos concellos de Maceda e Montederramo e prevé a instalación de dous aeroxeradores de 180 metros de altura e de máis de 10 megawatts de potencia a escasa distancia do espazo natural protexido e zona de Rede Natural ZEC Bidueiral de Montederramo.

Adega sinala que os impactos deste complexo eólico sobre a avifauna, especialmente nas poboacións de rapinas ameazadas, serían letais, dado que se proxecta moi perto dunha área prioritaria para a preservación da avifauna e é área de campeo da aguia real (Aquila chrysaetos) e do millafre real (Milvus milvus), ambas consideradas “en perigo de extinción” nos catálogos galego e estatal de especies ameazadas. Ademais, o Rodicio é un dos principais “sitios de interese” ou “hotspot” para a observación de aves da Galiza.

Por outra parte, Adega argumenta a existencia de fraude de lei pola fragmentación artificial dun macroproxecto eólico conformado por Rodicio II e Xesteirón, ambos complexos promovidos pola mesma empresa, Greenalia, a poucos metros un do outro e con infraestruturas compartidas.