O TSXG recoñece por primeira vez unha indemnización por danos a un pensionista ao que se denegou o complemento de maternidade

Sede do TSXG, na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)

A Sala Xeral do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), tras a sentenza emitida o pasado mes de setembro polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) na que decretou, en resposta a unha cuestión prexudicial formulada pola propia Sala do Social do TSXG, que España debía indemnizar aos pais que reclamasen xudicialmente o seu complemento de maternidade, recoñeceu por primeira vez o dereito dun recorrente a ser indemnizado polo Instituto Nacional da Seguridade Social(INSS) con 1.500 euros polos danos e prexuízos causados, derivados da vulneración do dereito fundamental á igualdade.

O TSXG entende que a cantidade fixada -1.500 euros- é suficiente para “compensar integramente os prexuízos efectivamente sufridos como consecuencia da discriminación, segundo as normas nacionais aplicables, incluídas as costas e os honorarios de avogado en que o interesado incorrese con ocasión do procedemento xudicial”.

A xuízo dos maxistrados do alto tribunal é unha cantidade que “restablece ponderadamente a igualdade nos dous planos (material e procedemental) aos que se refire o TXUE e resarce os danos sufridos polo actor, axustándonos ao solicitado polo propio beneficiario (congruencia)”. A Sala en pleno, formada por 15 maxistrados, destaca que a resolución do INSS na que lle denegou o complemento de maternidade “vulnerou o seu dereito a non ser discriminado por razón de sexo”.

Ademais, o TSXG volveu a fixar -como fixo en centenares de sentenzas- os efectos retroactivos do complemento de maternidade na data do feito causante da prestación complementada.

Na resolución, o TSXG salienta que “resulta xa indiscutible o dereito dos homes a gozar do complemento de maternidade en igualdade de condicións ás mulleres”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación.