Xustiza

O TSXG súmase ao Supremo e carga contra o pacto PSOE-Junts: "O poder xudicial en España é independente"

Intervención de Pedro Sánchez no Congreso do Partido Socialista Europeo do pasado sábado, en Málaga. (Foto: Álex Zea / Europa Press)
"Estas expresións, en canto traslucen algunha desconfianza no funcionamento do poder xudicial, non son aceptábeis. O poder xudicial en España é independente, non actúa sometido a presións políticas e dispón dun sistema de garantías xurisdicionais que aparta o risco que se apunta", defenden desde o altro tribunal galego. Tamén a patronal critica tamén os acordos do PSOE con Sumar e PNV.

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acordou esta segunda feira, por unanimidade, subscribir o comunicado emitido polas catro asociacións xudiciais ante o documento pactado por PSOE e Junts para facilitar a investidura, no que mostran o seu "rexeitamento" polas referencias ao lawfare —xudicialización da política— e as súas consecuencias. Unha cuestión, porén, que finalmente ficou fóra do borrador de Lei de amnistía.

Segundo recolle o documento do TSXG, "o texto do acordo alcanzado contén explícitas referencias á posibilidade de desenvolver comisións de investigación en sede parlamentaria a fin de determinar a presenza de situacións de xudicialización da política, coas consecuencias que, no seu caso puidesen dar lugar a accións de responsabilidade ou modificacións lexislativas".

Ao seu xuízo, "iso podería supor, na práctica, someter a revisión parlamentaria os procedementos e decisións xudiciais con evidente intromisión na independencia xudicial e creba da separación de poderes". "Os xuíces han de estar sometidos unicamente ao imperio da lei, debido a que así o estabelece expresamente o artigo 117.1 da Constitución", defende o texto.

"Estas expresións, en canto traslucen algunha desconfianza no funcionamento do poder xudicial, non son aceptábeis. O poder xudicial en España é independente, non actúa sometido a presións políticas e dispón dun sistema de garantías xurisdicionais que aparta o risco que se apunta", conclúen desde o alto tribunal galego.

O Supremo incide na "división de poderes"

Tamén a Sala de Goberno do Tribunal Supremo, reunida esta segunda feira en sesión ordinaria, emitiu outro comunicado, igualmente unánime, no que salienta que o Estado de Dereito "exixe o absoluto respecto á división de poderes" fronte a "a supervisión do labor xurisdicional por outros poderes do Estado", tras o acordo alcanzado por PSOE e Junts que alude aos supostos casos de lawfare. "O Estado de Dereito, no que se fundan a Unión Europea e a nosa orde constitucional, exixe o absoluto respecto á división de poderes", afirma o alto tribunal español.

Reivindica tamén que "o exercicio da función xurisdicional axústase sempre á legalidade, á defensa da Constitución e á salvaguardia dos dereitos e liberdades de todos os cidadáns, en particular, da igualdade na aplicación da lei". Por iso, "salienta a necesidade de preservar e garantir a independencia xudicial desde todas as institucións", indicando expresamente que "ve incompatíbel con ela a fiscalización ou supervisión do labor xurisdicional por outros poderes do Estado".

O Supremo reacciona así ao devandito acordo, que contempla a creación de comisións de investigación parlamentarias para detectar supostos casos de lawfare —guerra xudicial— e, de ser así, que se deriven as "consecuencias" oportunas, o que podería acabar en querelas prol prevaricación contra xuíces e maxistrados, ademais de responsabilidades civís e disciplinarias. A lei é unha "barbariedade", afirman, que supón "acabar coa Xustiza".

A patronal galega, contra os pactos socialistas

E hoxe tamén cargou contra os acordos de Sánchez a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), a patronal galega, que apuntou que o empresariado necesita "estabilidade política como base fundamental do desenvolvemento económico e da prosperidade social". Así, estiman que o pacto con Junts "contravén a Constitución" e censuran, a maiores, o subscrito con Sumar e PNV, sen entrar a valorar os asinados con BNG, ERC e Coalición Canaria.

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, denunciou "a división social e o desarraigamento a que están a dar lugar as negociacións mantidas e os acordos alcanzados polo PSOE, segunda forza máis votada nas pasadas eleccións, con outros partidos ou grupos minoritarios a nivel estatal como Junts, PNV ou Sumar". "Iso xera inestabilidade e traslada aos empresarios e investidores unha mensaxe que con toda seguridade contraerá a posta en marcha de iniciativas e proxectos e por tanto a xeración de riqueza e emprego no noso país", dixo.