O TSXG suspende sete eólicos máis e suma xa 59 paralizacións

Varias vacas no parque eólico de Vilachá, entre os concellos de Ourol e Muras, entre A Mariña e a Terra Chá. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O alto tribunal tan só decreta que non haxa medidas cautelares por riscos ambientais en cinco parques dos 64 analizados até a data.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acordou a suspensión cautelar de sete parques eólicos máis —Serra de Liñares, Serra da Piñeira, Paraño Oeste, San Cristovo, Neboada, Monteagudo e Suime—, de forma que acumula un total de 59 proxectos paralizados.

En cambio, o alto tribunal galego rexeitou a medida cautelar solicitada respecto a outros dous proxectos —Picato e Solpor—. Deste xeito, emitiu un total de 130 autos relativos a solicitudes de suspensión de autorizacións administrativas previas e de construción de 64 parques eólicos, dos cales 59 foron suspendidos, polo que só cinco proseguen o seu desenvolvemento.

A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do alto tribunal galego entende acreditado en sete autos que a execución dos proxectos podería ocasionar danos irreversíbeis a valores ambientais sensíbeis.

Ademais, nas resolucións indica que se probou que as instalacións poderían afectar especies vulnerábeis ou en perigo de extinción que están comprendidas nas cuadrículas nas que se pretenden instalar os parques eólicos e que conforman hábitats de interese comunitario, os cales están recollidos na Declaración Ambiental Estratéxica do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

Por iso, considera acreditado o chamado 'periculum in mora', que forma parte da esencia da medida cautelar, pois con el téntase asegurar que a futura sentenza poida levarse á práctica de modo útil, o que non se conseguiría no caso de que se produciran situacións irreversíbeis. Nos autos, os maxistrados tamén realizan unha ponderación dos intereses en conflito e decretan que a protección do medio ambiente ha de prevalecer en sede cautelar. Así, lembran que a ponderación favorábel de intereses económicos é "extremadamente excepcional, só admisíbel cando compromete de forma esencial a economía da nación ou produce un dano particularmente intenso".

Novas suspensións

En canto ao parque de San Cristovo, situado entre os concellos de Monterroso (A Ulloa), Portomarín (comarca de Lugo) e Taboada (comarca de Chantada), os xuíces advirten que "a afectación visual e paisaxística prevese severa e permanente no tempo, eliminando a funcionalidade paisaxística do Miradoiro Alto de San Cristovo", dada a proximidade á que se localizarían algúns dos aeroxeradores.

No auto relativo ao parque eólico Paraño Oeste, situado nos concellos de Forcarei (Terra de Montes) e Beariz (O Carballiño), a Sala afirma que "resulta relevante" a inclusión do espazo da poligonal eólica "na área cualificada como de exclusión eólica polo Mapa de Zonificación Ambiental elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxica", do mesmo modo que sucede, segundo destaca o tribunal, cos parques de Serra da Piñeira, Neboada, Monteagudo e Suime. Ademais, indica que neste caso quedou acreditada "unha proximidade crítica na que a afectación aos elementos que serviron para a catalogación do espazo como Rede Natura poden verse seriamente comprometidos".

Non se avalía a presenza de osos en Baralla

O TSXG entende respecto a as instalacións de Serra da Piñeira, situadas nos concellos de Baralla (Os Ancares), Láncara (comarca de Sarria) e Becerreá (Os Ancares), que concorren elementos para considerar a afectación a espazos de interese paisaxístico, tanto en relación á Rede Natura como á reserva da biosfera. Con todo, sinala que, "aínda que é pública e notoria a presenza esporádica do oso no concello de Baralla", no informe achegado pola demandante "non se fai un mínimo desenvolvemento da afectación dun hábitat que poida resultar simplemente ocasional ou de paso para o plantígrado". Por iso, afirma que carece de elementos suficientes para avaliar o impacto negativo pretendido. Por outra banda, considera indiciariamente acreditada a presenza de lobo na contorna, do mesmo xeito que na zona onde se prevé instalar o parque eólico Serra de Liñares.

Respecto ao proxecto Neboada —situado na Rúa (Valdeorras), A Pobra de Trives (Terra de Trives), San Xoán de Río (Terra de Trives), Vilamartín de Valdeorras (Valdeorras), Quiroga (comarca homónima) e Ribas de Sil (comarca de Quiroga)—, a Sala entende que concorre "a circunstancia dunha proximidade relevante a espazos xa caracterizados ambientalmente como altamente sensíbeis, ben por pertencer xa á Rede Natura, ben por estar previstos para a súa ampliación".

Na resolución relativa ao parque eólico Serra de Liñares, situado nos concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz (comarca da Fonsagrada), os maxistrados afirman que os datos que achega a demandante "son suficientes para dar conta da presenza, polo menos ocasional, do oso pardo nas inmediacións do terreo ocupado pola poligonal do parque eólico". Ademais, no auto aseguran que a construción do parque podería ocasionar "unha grave afectación á vida das persoas debido á escasa distancia dos aeroxeradores dos núcleos de poboación". En concreto, segundo o informe achegado, tres dos aeroxeradores situaranse a menos de 800 metros do núcleo rural de Penamaior.

Respecto ao parque eólico Monteagudo, situado nos concellos de Arteixo (comarca da Coruña), A Laracha e Carballo (Bergantiños), o alto tribunal galego entende que tamén se probou indiciariamente "a afección por proximidade a espazos de gran valor natural e paisaxístico".

A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo afirma que a demandante, no caso do parque eólico Suime, situado en Rodeiro (O Deza) conseguiu acreditar indiciariamente a existencia de elementos ambientais altamente sensíbeis, "ben por estar catalogados, ben por tratarse directamente de especies con distinto grao de protección ou perigo".

Sen suspensión para Picato e Solpor

Na resolución relativa ao parque eólico Picato, situado nos concellos de Guntín e Lugo, o TSXG rexeita a medida ao entender que a parte solicitante non concretou que valores ambientais poderían verse afectados pola súa construción, do mesmo xeito que sucede no caso do parque eólico Solpor, situado entre os concellos de Ordes e Mesía (comarca de Ordes).

A Sala, no auto relativo ao proxecto denominado Solpor, tamén rexeita a solicitude de suspensión da autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións. O tribunal explica que a asociación demandante "non conseguiu acreditar indiciariamente a existencia dun dano de carácter irreversíbel ou de difícil reparación que xustifique a adopción da medida cautelar, na medida en que a alegación da presenza de especies vulnerábeis non apareceu minimamente xeolocalizada, e o dano por ruído non se xustificou que superase claramente os limiares determinados legalmente".