Xustiza

O TSXG xa paralizou este ano 40 parques eólicos polos "danos irreversíbeis" que poderían ocasionar ao medio ambiente

O TSXG remítese aos principios de cautela, prevención e precaución. (Foto: Arxina)
A Xustiza suspende cautelarmente outros seis novos proxectos, os denominados Monte do Cordal, Dos Cotos, Mesada, Legre, Treboada e Xeada.

Xa son 40 os parques eólicos suspendidos de forma cautelar polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza no que vai de ano. Os últimos en sumarse á extensa listaxe de paralizacións, esta mesma terza feira, foron os proxectos denominados Monte do Cordal, Dos Cotos, Mesada, Legre, Treboada e Xeada, e en todos estes casos entenden os maxistrados que queda acreditada a existencia do principio de periculum in mora, que pretende asegurar que a futura sentenza se poida levar á práctica de modo útil, o que non se conseguiría no caso de que se producisen situacións irreversíbeis.

No referente ao parque Treboada, impulsado polo mesmo conglomerado empresarial que Xeada, os xuíces sinalan directamente a San Caetano e alegan que a declaración de impacto ambiental (DIA) formulada pola Xunta "non demostra que desaparecese calquera risco de danos irreversíbeis ao medio ambiente e aos valores a protexer". Ademais, salientan, tanto neste auto como noutras resolucións, que "dificilmente se vai poder protexer ex post a especies de flora ou fauna que por mor da execución das obras poidan verse definitivamente extinguidas ou ameazadas". As súas infraestruturas ergueríanse sobre os concellos de San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives e Ribas de Sil.

"A simple posibilidade de que teña lugar ese dano irreparábel ou de moi difícil reparación fai aconsellábel a adopción da medida cautelar de suspensión da execución da actividade que pode producir ese risco, mesmo adoptándose medidas correctoras sobre as zonas protexidas", subliña a Sala, en alusión ás propostas recollidas na DIA para paliar o potencial impacto das infraestruturas sobre a contorna. E partindo da información "concreta, obxectiva e imparcial" que as administracións achegaron, o TSXG deduce que o parque "se situará en zona de máxima sensibilidade ambiental, na que non resulta recomendábel a instalación de infraestruturas eólicas, por afectar a especies que están catalogadas como vulnerábeis ou en perigo de extinción".

Na mesma liña apuntan os xuíces cando se refiren ao proxecto Xeada, defendendo que, malia contar tamén cunha DIA favorábel, nesta fase do procedemento non se pode saber "con que profundidade se cubriu o verdadeiro impacto ambiental que a execución desas obras haberá de ter para a zona afectada", á vez que recalca que, neste caso, entende probado indiciariamente "un máis que probábel prexuízo irreparábel, por irreversíbel". O parque "podería impedir nun futuro non moi afastado unha correcta extensión dos espazos protexidos pola Rede Natura 2000, en cumprimento dos obxectivos marcados xa no seu día pola directiva sobre hábitats".

Tras a análise da documentación, o alto tribunal galego tamén decretou a adopción da medida cautelar respecto ao parque eólico Legre, situado nos concellos de Mesía e Oza-Cesuras. A Sala conclúe, ao abeiro da información achegada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que na cuadrícula na que se vai situar o parque "existen especies vulnerábeis ou en perigo de extinción".

En canto á suspensión cautelar do parque eólico Dos Cotos, en Cerdedo-Cotobade, o TSXG basea o recoñecemento do periculum in mora no contido dos informes achegados polo Concello, dos que se infire que as instalacións se situarían "tanto a escasa distancia de elementos que contribúen á calidade paisaxística da zona como a unha escasísima distancia de núcleos de poboación", pois na contorna dos aeroxeradores residen 424 persoas en 13 entidades de poboación diferentes. Neste caso trátase, segundo os maxistrados, non só da protección do medio natural, senón "da protección da saúde e o benestar do ser humano que habita na zona". A medida cautelar adoptada foi solicitada polo Concello e por comunidades de montes veciñais en man común.

O TSXG, de igual forma que nos casos anteriores, basea a súa decisión de suspender as autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións do parque eólico Mesada, situado en Vila de Cruces, no periculum in mora. No auto, a Sala recalca que prevalece "o interese xeral en manter indemnes eses espazos públicos sobre o particular que ten a promotora do parque eólico en executar de forma inmediata o proxecto autorizado, por moi lexítimo que sexa o seu dereito".

A Sala entende que se acreditou a posibilidade real dun dano ambiental, igual que sucede co proxecto do parque eólico Monte do Cordal, situado no termo municipal de Friol, tamén suspendido de forma cautelar. Neste último caso, os xuíces indican que da "información concreta e obxectiva que provén do Ministerio" se infire que un dos aeroxeradores se localizaría "na área de distribución potencial de varias especies catalogadas como vulnerábeis ou en perigo de extinción", polo que tamén considera acreditado o periculum in mora, determinante da suspensión do parque.

O Tribunal Superior notificou até hoxe un total de 74 autos nos que decide sobre as solicitudes de suspensións cautelares de 43 parques eólicos, dos cales 40 foron paralizados —Ventumelo, Porto Vidros, Banzas, Monte Neme, Zamorra, Touriñán II, Felga, Rodeira, O Cerqueiral, Chao do Marco, Monte Peón, As Encrobas, Pico Seco, Serra do Faro Ampliación II, As Penizas, Figueiras, Reboiro, Alto da Telleira, Troitomil, Outeiro Grande, Rodicio II, Alto de Montouto, Meirama, Monte da Croa, Gato, Cunca, Serra do Farelo, Maxal, Serra do Colmo, Uxo, Castro Valente, Marcofan, Serra do Punago, Acibal, Monte do Cordal, Dos Cotos, Treboada, Mesada, Legre e Xeada— e, nos tres casos restantes —Vilartoxo, Neboada e Seselle—, as medidas cautelares foron desestimadas. desacolledores.