Na UCI un afectado polo coronavirus en Vigo

[Imaxe: Galipedia] Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Unha dos catro persoas afectadas por coronavirus na Galiza permanece desde a noite de onte na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Álvaro Cunqueiro, segundo informaron fontes do hospital vigués. O seu pronóstico é reservado. 

Trátase do home de 43 anos que foi diagnosticado de COVID-19 a pasada quinta feira, tras a confirmación da análise que se estudou no Centro Estatal de Microbiología de Mahadahonda.

Tras a confirmación, mantívose illado nunha habitación deste centro hospitalario e permanecía, até a pasada xornada, "estábel con pneumonía". O seu estado empeorou nas últimas horas e agora mesmo atópase na UCI.

O seu caso pertence ao brote familiar que se detectou en Vigo, xa que a súa muller de 47 anos e o fillo dela, de 15 anos, tamén están infectados. Ambos mantéñense "estábeis" cos mesmos "síntomas leves" que xa presentaban onte.

En relación con este brote, Sanidade informou de que se estuda o caso doutra persoa que podería estar infectada e que é familiar das persoas ingresados en Vigo. De momento, as Autoridades mantéñense á espera da confirmación da análise do CentroEstatal de Microbiología.

Por outra banda, o home con COVID-19 ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) permanece en estado "grave", pero "estábel". Atópase nunha habitación illada dunha planta de hospitalización convencional, segundo precisaron fontes do Chuac.

Na Coruña tamén se investiga outro posíbel caso de coronavirus que tamén está pendente da confirmación do Centro de Microbioloxía. De ratificarse estes dous diagnósticos pendentes, serían seis persoas as infectadas por este virus.