Análise

A UE, un perigo para Europa

Vista exterior da sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo (Francia). (Foto: Parlamento Europeo / Michel Christen).
Guillerme Vázquez é xubilado e ex portavoz nacional do BNG.

En xuño volverá haber eleccións ao Parlamento europeo. Seguindo a tradición, no Estado español, no que practicamente todas as forzas políticas proclaman acriticamente a súa fe europeísta, non haberá debate político de fondo nin cuestionamento algún dunha superestrutura ao servizo do gran capital e o imperialismo que, obxectivamente, está a provocar un retroceso acelerado nos dereitos e liberdades dos pobos.

A UE é a Europa dos estados ao servizo dos intereses do capital e atada á OTAN, copartícipe da política do imperialismo ianqui. Por máis que se queira adornar, non é, nin nunca pretendeu ser, unha estrutura ao servizo dos intereses populares, nin da paz, nin da cohesión social. 

Abonda con comprobar cales son os eixos da súa política económica, social ou medioambiental para concluílo. Fiscalidade regresiva, paraísos fiscais, recorte do gasto social, aumento do gasto militar, privatizacións, e un longo etcétera unidireccional que transvasa recursos das clases populares aos poderosos. Nin sequera solidaria, pola mesma que no seu día coaccionaron a Tsipras en Grecia ou forzaron a reforma da intocable Constitución española para garantir o pago da débeda xerada pola banca, hoxe vincula a entrega de fondos Next Generation aos Estados a novas contrarreformas nas pensións ou no laboral.

Liberdades

Agora, coincidindo coa crise do capitalismo e a progresiva perda da hexemonía dos EUA, a deriva dos dirixentes da UE alcanza niveis alarmantes e preocupantes, cunha submisión aos intereses dos Estados Unidos nunca vistos. Dereitos e liberdades que semellaban intocables son restrinxidos sen pudor.

Fronte á guerra na Ucraína provocada polo expansionismo estadounidense empeñado en cercar Rusia colocándolle os seus mísiles na fronteira, a UE no canto de optar por unha política de contención, cumprindo o acordado en Minsk, opta por sumarse entusiasta aos intereses ianquis. Sancións a Rusia, por máis que como consecuencia estean a provocar problemas na súa economía ou unha alza de prezos que pagamos a escote. 

Miles de millóns de euros ao réxime de Zelenski que nunca explican de que partidas orzamentarias detraen, mais que é doado supoñer. Facilidades ás exportacións agrícolas ucraínas  que arruínan a agricultores europeos. Por descontado, criminalización de calquera opinión disidente da doutrina oficial. Censura dos medios rusos. E xa, nunha escalada entolecida, tentando xustificar o seu belicismo cunha hipotética ameaza de guerra.

Conviría prestar atención ao perigoso cambio de rumbo dunha Alemaña en crise, rearmándose, repotenciando o papel do seu Exército

Faltoulle tempo a Von der Leyen para ir a Tel Aviv expresar o apoio incondicional da UE ao xenocida Estado sionista. Un apoio que a UE mantén varios meses despois, malia a evidencia de que Israel está a masacrar o pobo palestino na busca, como no seu día os nazis, da "solución final". 

E, neste contexto, máis retroceso das liberdades básicas no espazo UE, co propio Parlamento europeo prohibindo exhibir no seu edificio fotos de Gaza ou do Sáhara, con Alemaña prohibindo expresar apoio público á causa palestina ou Francia reprimindo as manifestacións no mesmo sentido. 

E conviría prestar atención ao perigoso cambio de rumbo que está a experimentar unha Alemaña en crise, rearmándose, repotenciando o papel do seu Exército, encabezando as teses belicistas europeas, rachando o papel establecido desde o fin da II Guerra Mundial, todo un cambio executado por un goberno de socialdemócratas e verdes.

Deriva reaccionaria

Lonxe de ser o espazo de liberdade e asilo do que se nos fala, a UE dá acubillo e apoio a todas as causas reaccionarias, de Guaidó e o bloqueo a Cuba a premios Sajarov indefendibles. Indiferente ante a vulneración das regras de xogo, como o asalto da embaixada de México no Ecuador, a posibilidade de extradición de Assange ou a detención sen xuízo de Pablo González, levanta muros asasinos fronte a unha inmigración en parte provocada polas súas políticas de rapina e guerra.

Unha deriva reaccionaria que non fará máis que progresar se non somos quen de facerlle fronte desde as institucións e as rúas. Por iso mesmo, é inevitable preguntarse desde posicións democráticas e progresistas: votar para que? Desde logo para que as eurodeputadas e os eurodeputados que elixamos usen o Parlamento como caixa de resonancia dos problemas políticos ou sociais dos pobos, mais, e hoxe con máis razón que nunca, para que denuncien publicamente este letal modelo de UE, combatan as súas políticas de fondo, no canto de lexitimala, desvenden a verdadeira faciana dunha superestrutura que lonxe de ser unha solución é un verdadeiro perigo para os intereses dos pobos de Europa.