O Ulla, río histórico

Sobreiral do Arnego, na conca do Ulla, nos concellos de Agolada, Lalín e Vila de Cruces. (Foto: Nós Diario)
O Ulla, segundo río en importancia por superficie do país tras o Miño, condensa historia e paisaxe, ademais dunha rica actividade relacionada coa pesca e o turismo. Desemboca na ría de Arousa e é un verdadeiro corredor natural de penetración no territorio. Porén, o seu futuro corre perigo polo proxecto de macrocelulosa que pretende instalar Altri. 

O Ulla é un río con historia. A súa situación xeográfica, atravesando vinte concellos desde o seu nacemento até a súa desembocadura na ría de Arousa, fixo del un elemento estratéxico, configurado como unha ruta natural de penetración no territorio e de grande importancia na ordenación xeográfica do territorio desde a Idade do Bronce. Unha das razóns do seu éxito foi ser o segundo máis caudaloso da Galiza e navegábel nos seus últimos 14 quilómetros, desde Pontecesures (comarca de Caldas). 

Entre os misterios que agochou até hai pouco, o lugar exacto do seu nacemento foi un dos máis buscados. Durante moitos anos a tradición oral da comarca da Ulloa situouno acompañado de cadansúa lenda ou historia, cadrando desde os montes da Vacaloura, no Concello de Monterroso até outros nos de Olveda, en Antas de Ulla. Agora, en pleno século XXI, o xeógrafo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Horacio García conseguiu sinalar o punto exacto e deuno a coñecer en 2022 nun artigo publicado na revista Cairón, editada polo Instituto de Estudos Ulloáns. O lugar denomínase Chousa da Poteira -coas súas coordenadas aproximadas 42° 43’ 14,46’’ Norte (latitude) e 7° 50’ 54,99’’ oeste (lonxitude)-, nos montes de Olveda, en Antas de Ulla. 

Percorrendo o Ulla

Para coñecer o Ulla, nada mellor que percorrelo. Tendo en conta os seus últimos quilómetros, unha opción é facelo nalgunha embarcación, como se mostra na foto inferior. Neste sentido, nos últimos anos xurdiron algunhas iniciativas como o Roteiro do Mar de Arousa e río Ulla, con implicacións xacobeas e saída desde O Grove (O Salnés) ou Ribeira (Barbanza). Máis próxima no tempo, desde 2013, a Fundación Rosalía de Castro organiza a actividade Inchadiña branca vela con embarcacións tradicionais en honra a un dos poemas de Cantares Gallegos que falaba das dornas que subían o Ulla naquel tempo. As posibilidades de visitar o río aumentan se se fai por terra. Os roteiros desde Catoira até Agolada (Deza) contan con múltiples itinerarios que permiten perderse polas marxes entre pontes medievais, miradoiros e mesmo tranquilas praias fluviais. Algúns exemplos son a senda fluvial que, dentro dos límites de Catoira, á altura do estuario do Ulla, percorre perto de 16 quilómetros entre ruínas históricas, muíños, marismas e natureza. Con saída na área recreativa de Fonte Gaiteira, no interior da localidade, visita as famosas Torres do Oeste, ruínas da antiga fortaleza Castellum Honesti erixidas no século XII. Outro podería ser o que comunica, en Teo, Pontevea e Xirimbao, circular de sete quilómetros, con punto de partida na ponte medieval Pontevea do século XV e alcanza a Ponte Colgante do Xirimbao, tamén coñecido como A Mariola, unha pasarela metálica, duns 80 metros de lonxitude, construída en 1964. 

Para coñecer importancia da pesca neste río, unha posibilidade é achegarse ao municipio da Estrada (Terra de Montes) e realizar o itinerario que propón a senda fluvial de 8,5 quilómetros que comunica a área recreativa do areal de Berres, un espazo singular entre bosques de ribeira e conxuntos escultóricos, até o Couto de Ximonde, en Vedra (comarca de Compostela). Nese lugar é onde cada mes de maio ten lugar a popular e multitudinaria festa do Salmón. Por último, non é menos importante o roteiro histórico de 14 km entre Remesquide (Touro) e Basebe (Vila de Cruces). 

Eutrofización do río Ulla 

Desde 2022, o Ulla corre perigo de agravar a eutrofización (a achega en exceso de nutrientes inorgánicos procedentes de actividades humanas) como consecuencia do proxecto de celulosa presentado pola multinacional Altri. O seu propio estudo medioambiental, dado a coñecer por Nós Diario, recoñece os riscos do proxecto para a calidade das augas do Ulla: "O feito de diminuír o caudal das augas do río ten entre os seus impactos a alteración da calidade das augas. Ao verse reducido o caudal e a velocidade, xérase un incremento na temperatura da auga, o que implica unha diminución do osíxeno disolto (ao existir unha maior descomposición da materia orgánica)”. 

A propia empresa asume que “os efectos máis negativos sobre o hábitat fluvial xérano a diminución da velocidade e do nivel da auga, xa que poden chegar a xerar cambios nos substratos do río, afectando a supervivencia da vexetación da fauna presentes no ecosistema”. Ademais,recoñece que a redución do caudal “podería alterar certos parámetros esenciais para a supervivencia de numerosas comunidades faunísticas ou da vexetación presentes no ecosistema fluvial”, e impactar sobre os "bosques de ribeira”.