Ulloa Viva cre “indignante” que a Xunta e o Estado español escoiten antes a Altri que á cidadanía

Acto de Monterroso Vivo (Foto: Nós Diario).

A Plataforma realizou un acto en Monterroso (A Ulloa) no que elaboraron pancartas e lemas para a manifestación do 26 de abril en Palas de Rei.

A portavoz da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, criticou este sábado nun acto convocado por Monterroso Vivo que a Xunta da Galiza e o Estado español escoiten antes a Altri que ás veciñas e aos veciños do Alto Ulla. Foi nunha xornada creativa na que un centenar de persoas  elaboraron pancartas para a manifestación en contra do proxecto da macrocelulosa de Altri.

Durante o evento, Gontá cualificou de "indignante" que os políticos que "terían que representar a todas as galegas e galegos" estean máis preocupados por favorecer unha empresa que por atender as preocupacións e demandas dos seus representados.

A portavoz da Plataforma mostrou, ademais, o "malestar" que existe entre a veciñanza despois dunha semana na que coñeceron que "o Concello de Palas tiña un informe do arquitecto municipal de decembro de 2022 en contra da instalación de Greenfiber no Predio de Quintas".

Sobre esta cuestión, criticou que, como única solución, o Concello agardase ao 29 de decembro para que a Xunta declarase o proxecto industrial como estratéxico, para "saltarse a normativa que incumpre".

Ante estes feitos, Gontá asegura que os veciños queren saber por que este "trato de favor" a unha empresa privada, que "ademais nesa data segundo o propio director do proxecto non tiña nin feito o estudo de impacto ambiental".

Gontá incidiu en que Altri non é un problema só do Alto Ulla, senón "de toda Galiza", e chamou a todas as galegas e galegos para que se mobilicen o próximo día 26 de maio en Palas en contra do proxecto.

A portavoz da plataforma destacou que vestirán as vilas e aldeas con pancartas e lemas para deixar claro que "Altri non". "Queremos o modelo socieconómico que estamos a crear entre todas, e non uno que nos vén imposto", sinalou.

As “mentiras” de Greenfiber

Ademais, a plataforma respondeu ao comunicado remitido aos medios por Greenfiber, no que aseguraba que a planta de Palas de Rei non tería impacto sobre o Camiño de Santiago.

Respecto diso, Ulloa Viva sinalou que se trata dunha "nova mentira" da compañía sobre os impactos do seu proxecto e recomendáronlle á entidade que utilice o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas (SIXPAC) da Xunta da Galiza, ao sinalar que "demostra unha vez máis que a pasteira portuguesa mente sistematicamente e tenta tratar por parvos aos galegos a través de titulares de prensa".

Ademais, a plataforma lembrou que xa presentou alegacións respecto do impacto da planta e a súa distancia do Camiño Francés.