Ulloa Viva critica a Xunta por non achegar información sobre o estado de tramitación do proxecto de Altri

Lagoa de Quintas, en Palas de Rei (A Ulloa), localización onde Altri quere construír a macrocelulosa. [Foto: Juan Mañá]

A plataforma Ulloa Viva critica a negativa da Xunta da Galiza a ofrecer información sobre o estado de tramitación do proxecto de celulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) á veciñanza das zonas afectadas.

O colectivo denuncia que os residentes das comarcas da Ulloa, O Deza, Terra de Melide e Arzúa “levan toda a semana a contagotas coñecendo pola prensa o que os técnicos do Goberno galego opinan sobre o proxecto de Altri”.

A entidade considera que este é “un exemplo máis do maltrato que a Xunta está a dar á veciñanza afectada polo proxecto da macrocelulosa. Dous anos relacionándose cos afectados e afectadas a través de titulares de prensa”.

Ulloa Viva reclama “que o Goberno galego empece a mirar dunha vez por todas polo territorio e polas persoas que viven nel, que se preocupe porque os seus técnicos veñan á zona e falen coa xente”.

A plataforma denuncia que a Xunta da Galiza négase a achegarlles os diversos informes técnicos que a administración ten encargado aos seus distintos departamentos sobre os impactos do proxecto de Altri.

Eses impactos van directamente sobre a nosa paisaxe, a nosa biodiversidade, a nosa economía e a nosa saúde”, apuntan desde Ulloa Viva, “pero a Xunta da Galiza no canto de preocuparse polos afectados está mercadeando cos informes técnicos en distintos medios de comunicación”.

O colectivo require ao Goberno galego que “deixe de usar as institucións públicas en beneficio de intereses empresariais e que veñan ao territorio, que nos informen e nos expliquen da tramitación, que nos digan sobre o terreo que a lagoa de Quintas e a súa biodiversidade non se van ver afectadas estando a 250 metros dunha macrocelulosa”.

Instituto de Estudos do Territorio

A entidade critica as conclusións do Instituto de Estudos do Territorio da Consellaría de Medio Ambiente e Estudos Climáticos que recoñece os importantes impactos da celulosa mais non informa desfavorabelmente ao proxecto.

É unha mágoa que o informe se limite a dar seis pautas de xardinaría e pintura de camuflaxe para resolver o que di que é un impacto paisaxístico considerábel”, destacan a plataforma.

Ulloa Viva advirte ao Goberno galego que de “persistir nesta actitude coa veciñanza aumenta o rexeitamento social ao proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, e suporá que a Xunta vai seguir estando enfronte dos veciños e veciñas en vez de a carón de nós como debería facer un Goberno responsábel”.