Ulloa Viva pide a Rueda "respecto" e que non "politice" o clamor popular contra Altri

Protesta diante dos Edificios Administrativos da Xunta da Galiza en San Caetano este pasado domingo (Foto: Nós Diario).
A Plataforma carga contra o presidente da Xunta e agarda que Augas da Galiza denegue a captación da macrocelulosa.

A Plataforma Ulloa Viva entende que as declaracións do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, son “a enésima falta de respecto” por tentar “voltar a politizar unha protesta que é dos veciños e das veciñas” contra a instalación dunha macrocelulosa de Altri no corazón da Galiza. 

O colectivo lémbralle nun comunicado “por terceira vez” en pouco máis dun mes ao responsábel do Goberno galego “que os que estamos enfronte do seu proxecto estratéxico e nos negamos a que o instalen no noso territorio somos veciños e veciñas".

Por este motivo pídenlle a Rueda “que abandone as dinámicas electorais permanentes facendo esforzos inútiles por encaixar   un movemento cidadán debaixo das siglas que a el lle ven en gana para poder así, escusarse e eludir as súas responsabilidades”.

A Plataforma considera que “xa abonda por parte do presidente da Xunta tentar politizar un problema que xerou el mesmo e o seu goberno, e lémbralle que nos últimos meses os veciños e veciñas xa lle dixemos con 23.000 alegacións, máis de 20.000 persoas nas rúas de Palas de Rei o pasado 26 de maio e 30.000 este pasado domingo en San Caetano “que non queremos nin precisamos unha industria contaminante”.

Augas da Galiza

Desde Ulloa Viva agardan que Augas da Galiza resolva sobre a captación de 46 millóns de litros de auga diarios do encoro de Portodemouros (nas comarcas do Deza, Arzúa e Melide).

Entenden que esta acción significaría “unha nova modificación física sobre a masa de auga o que, xunto coa vertedura de até 30 millóns de litros de auga a 27 graos e cargado de contaminantes orgánicos” polo que “crearía un deterioro maior e irreversíbel do encoro”.