Non foi intencionado: o último informe policial conclúe que o incendio mortal de Vigo comezou no cadro de luces

Dous axentes de policía traballando no portal número 6 da rúa Alfonso X o Sabio de Vigo, onde se produciu o tráxico incendio que acabou coa morte de catro persoas. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Este é o documento final polo que se agardaba para rematar a investigación policial, que será achegado xunto ás demais dilixencias ao Xulgado de Instrución número 1 de Vigo, que investiga o sucedido.

O último informe da Policía Científica conclúe que o incendio rexistrado o pasado mes de outubro nun edificio da rúa Alfonso X O Sabio de Vigo, que se saldou con catro vítimas mortais —unha nai e tres das súas crianzas menores de idade—, iniciouse no cadro de luces do edificio e non se detectaron 'acelerantes'. Segundo fontes próximas ao caso citadas pola axencia Europa Press, este é o documento final polo que se agardaba para rematar a investigación policial, que será achegado xunto ás demais dilixencias ao Xulgado de Instrución número 1 de Vigo, que investiga o sucedido.

Este informe mantén a mesma hipótese defendida até o de agora tanto pola xuíza que instrúe o caso como polo resto de investigacións policiais, asegurando que o lume se produciu no cadro de luces e non foi intencionado, tal e como sinalaran inicialmente algúns veciñas e veciños, que sospeitaban dun antigo veciño que cualificaban de "conflitivo".

Hai semanas fontes xudiciais xa descartaran "por completo" que o incendio fose intencionado, refugando tamén a teoría de que o incendio comezase na cuarta planta do inmóbel dadas as evidencias de que comezara no cadro de luces da planta baixa.

Declaracións da veciñanza

Todo iso despois das denuncias dos veciños sobreviventes ao incendio, que desde un primeiro momento apuntaron directamente unha persoa como causante do mesmo, a pesar de que ningunha testemuña o vira de forma directa. Segundo relataban aos xornalistas o mesmo día do tráxico suceso, trataríase dun home que vivira no inmóbel e fora expulsado por "conflitivo".

Estes serían os motivos que, segundo eles, motivarían ao home para queimar as vivendas. Os veciños tamén subliñaban que o incendio comezara na planta superior do edificio e despois iniciouse outro foco no portal do mesmo, creando unha "rateira" para que non puidesen saír.

Todas estas declaracións e acusacións contrastan coas afirmacións do xulgado e das investigacións policiais, que descartan a intencionalidade do lume e subliña que non superou a primeira planta do inmóbel xa que, segundo os bombeiros, comezou no vestíbulo e os indicios apuntan a un fallo eléctrico como causa do mesmo.

O incendio produciuse sobre as 4 horas da madrugada do pasado 11 de outubro e nel faleceron catro persoas, unha muller e tres dos seus fillos menores.