SANIDADE

Un ano… para unha radiografía

[Imaxe: SG]

O desmantelamento da sanidade pública vai alén dos discursos de sindicatos e forzas políticas da oposición. Padéceno as persoas pacientes. A Manuela, con fortes dores na zona lumbar e nas extremidades, veñen de prescribirlle unha radiografía para o 20 de febreiro de 2019, mentres que Carolina foi unha das afectadas polo parón dun mes após a substitución do TAC do Hospital Teresa Herrera da Coruña. Eis un extracto da información publicada no Sermos Galiza 287.

O Hospital de Conxo está a dar citas para probas diagnósticas a un ano vista. Aconteceulle a Manuela, unha muller de 58 anos, a quen a súa médica de cabeceira do centro de saúde de Fontiñas derivou a Traumatoloxía por unha dor forte na zona lumbar e nas pernas, “o traumatólogo tardou dous meses en verme, mais a sorpresa chegou cando saín da consulta para pedir a cita da radiografía que me prescribira”.

 

Como reflicte a imaxe que acompaña este texto, Manuela non poderá facer a radiografía até o 20 de febreiro de 2019, un ano e un día após de a solicitar no Hospital de Conxo. “O traumatólogo díxome que até que regresase á consulta para darme o resultado da radiografía tiña que tomar paracetamol. Imaxina, un ano tomando paracetamol para a dor”, sinala a paciente, que formulou no propio día unha reclamación contra o Sergas.

 

A Lei 12/2013, de garantías de prestacións sanitarias, recolle no artigo 5 a fixación de tempos máximos de acceso á sanidade pública. Para as probas diagnósticas e/ou terapéuticas, o tempo estabelecido é de 45 días, os mesmos que para as consultas externas. Por outra banda, o Decreto 105/2017, de 28 de setembro, polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas, advirte de que os 45 días naturais son para “as primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas programadas e non urxentes recollidas no anexo III, por un problema de saúde novo e que non teñan a consideración de revisión”.

 

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 287, á venda na loxa e nos quiosques habituais]