Un de cada catro mozos galegos fai un uso "problemático" das redes sociais
Unicef presenta esta terza feira o informe "Impacto da tecnoloxía na adolescencia na Galiza".
Un estudo impulsado por Unicef vén de revelar que un de cada catro adolescentes galegos e galegas fai un uso "problemático" da internet e as redes sociais. A análise completa será presentada nun acto que decorrerá esta terza feira.
"Cando e canto acceden os nenos, nenas e adolescentes á internet e redes sociais? Coñecen os riscos da rede? Sofren ciberacoso ou sextorsión?". Estas son algunhas das dúbidas ás que responde o informe "Impacto da tecnoloxía na adolescencia na Galiza".
Este estudo, froito da consulta realizada a máis de 3.000 estudantes de ESO no país, revela datos como que un de cada catro adolescentes fai "un uso problemático" da internet e as redes ou que "un de cada cinco podería ter certo 'enganche' aos videoxogos".
Ademais, ofrece recomendacións a familias, goberno, industria e institucións para promover a protección dos dereitos da infancia e a adolescencia na contorna dixital.
Presentación en Compostela
O estudo será presentado polo profesor titular da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Antonio Rial Boubeta; o presidente do Consello de Colexios Oficiais de Enxeñaría en Informática, Fernando Suárez, e a coordinadora de Unicef na Galiza, Irene Marín.
O acto terá lugar ás 16 horas no salón de actos da Facultade de Psicoloxía da USC, mais tamén poderá seguirse en directo a través de YouTube.