María Mera di que non vai presentar o acto da Red Madre e que pedirá explicacións por lle teren ocultado información

María Mera en 'Matalobos' [CRTVG]

A 'VI cea benéfica' que organiza este grupo antiabortista ía ser presentada pola moza que deu vida a Vanesa Viaño na coñecida serie Matalobos. Un protesto convocado a través das redes socias conseguiu transladarlle información sobre o colectivo e que lle retirase o seu apoio, ao igual que algunhas das empresas que o patrocinaban


O colectivo antiabortista Red Madre celebrará o vindeiro 10 de maio unha cea benéfica "para recadar fondos para as mamás embarazadas en dificultades e para os seus bebés", tal e como sinala o convite enviado a través das redes sociais. A paparota, nun hotel de catro estrelas da Coruña, custará 35 euros por persoa e a encargada de a amenizar ía ser a actriz María Mera, coñecida polo seu papel na serie Matalobos, onde interpretou a Vanesa Viaño.

Unha ciberacción pediulle ao longo da mañá desta cuarta feira que se negase a tomar parte nun acto recadatorio organizado por unha asociación "que está a atentar contra os dereitos das mulleres". Houbo resultado: a actriz respostou varias das mensaxes enviadas asegurando que "desde logo non é a información que me pasaron para o acto", que "falarei coa asociación" e que "por suposto, non presentarei este evento".

Non foi a única. Algunhas das entidades que aparecían como patrocinadoras do evento, como Casa A Pedreira, colocaron tamén unha mensaxe na páxina da ciberacción agradecendo a información transladada e comprometéndose a pediren explicacións: "realmente non tiñamos nin idea disto. Creo que as mulleres teñen que decidir por si propias, libremente e sen coacción e pensabamos que esta fundación axudaba na toma de decisións e axudaba as mulleres que decidían "libremente" seguir para adiante. Falaremos con elas para ter unha explicación". 

Red Madre, a Igrexa e a conivencia da Xunta

Red Madre está detrás de dúas leis ditadas pola Igrexa católica e aprobadas no Parlamento galego coa maioría absoluta do PP e que supoñen unha agresión contra os dereitos das mulleres: a lei de apoio á muller embarazada e a lei de familia. 

Aliás, o "apoio" que compromete Red Madre para as grávidas non é tampouco real. En decembro de 2012 este colectivo solicitou recibir a roupa e os xoguetes recadados nunha campaña que puxeran en marcha un grupo de activistas para llos entregar a persoas sen recursos. Red Madre solicitounos para sete mulleres ás cales atendera e que decidiran seguir adiante co seu embarazo. A piques de parir, a asociación non tiña nada que lles entregar. 

Malia a todo, os seus centros aparecen na rede paralela que a Xunta de Galiza está a tecer para privatizar a atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres e deixala en mans da Igrexa. Red Madre ten tamén ligazón propia na páxina web da consellaría de Sanidade no apartado destinado á interrupción voluntaria do embarazo. 

Por suposto, o respecto e, en consecuencia, o asesoramento ao redor desta opción, non se contempla: este grupo apoia a contrarreforma da lei do aborto que impulsa o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, e que eliminará até o suposto de malformación do feto, impoñéndolles ás mulleres a maternidade e devolvendo os seus dereitos sexuais e reprodutivos a unha época anterior a 1985, data en que se aprobou a primeira norma que despenalizaba o aborto en tres supostos: a malformación do feto era un deles, canda a violación e o grave risco para a saúde da muller grávida.

A ciberacción para que María Mera se desvinculase desta "cea benéfica" deu os seus froitos e a conta de Facebook da Red Madre, o propio evento creado co gallo da cea (e que xa foi eliminado) e a páxina da actriz nesta rede social reproduciron unha e outra vez un comentario: "Red Madre está atentando contra os dereitos das mulleres apoiando activamente as reformas antoabortistas de Gallardón, pedímosche que, como muller libre que es, te replantexes a asistencia ao acto de recaudación desta organización".